lunes, 6 de octubre de 2025

CAMIÑO DA BIBLIOTECA


Camiño da biblioteca. Paro a tomar o café. Á biblioteca vou restituír, devolver un libro e coller outro. Aínda teño dous na casa; un a medio ler. Pero non vaia ser o demo que me quede sen lectura. Sería como se se acabase o mundo. Xa lle dei un sorbo ó café. Vou co segundo. Que carallo, alá vai o terceiro, e café tragado. Moi rápido e moi sinxelo.

Estamos co veranciño de san Miguel. E si que se nota. Vai calor. Hai que andar pola sombra e... con gorra. Minto. O da gorra vén polo corte de pelo. Volvo mentir; de corte non ten nada. Foi unha tosquiada, unha rapada a conciencia. Seguro que por culpa do Atlético de Madrid, que por meterlle cinco goles ó Real Madrid, o meu fillo... ai si, vas saber do cabreo que teño encima! Colleu a máquina e deixoume como me deixou: practicamente ó 0. Hai que usar gorra para disimular.


Camiño da biblioteca. Aínda non cheguei a ela. Primeiro toca andar un pouco de can. Despois da devolución do libro, toca seguir de can para rematar facendo recados. O cometido dos xubilados é ese: facer recados e coidar dos netos. Como non teño netos... a facer recados! Ou encargas, que é o mesmo. De cando en vez é bonito adornar ou alongar a frase con algún sinónimo.

Camiño da biblioteca sigo coa música nos oídos. Agora mesmo soa o tema “Terror Birds”, de Harald Kloser, e que asoma na banda sonora de “10.000 a.C.”. Como xa tomei o café, como xa matei o tempo con contos sen xeito nin modo, sigo coa música camiño da biblioteca.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 29 de setembro de 2025


Foto: Biblioteca da Valenzá (Barbadás - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario