Cando pensaba que todo quedaba en nada, botei man da miña intelixencia artificial e souben e dixen que máis alá do branco existen outras cores, non só a negra. Estou farto de confesar, de divulgar, mesmo de berrar, que hai máis que dereito e esquerdo, anverso e envés, PSOE ou PP, Real Madrid ou Barcelona. Por haber ata hai un depende.
A miña intelixencia artificial dá a entender que non todos os ríos levan auga e que non todo o mundo se acorda de santa Bárbara cando trona. Aquí, neste caso, algúns pensamos que anda o demo a golpes co divino, ou viceversa, e desexamos de corazón que os tronos sexan cada vez máis fortes, máis potentes. Miña nai, por exemplo, gozaba co ruído dos tronos. Eu son máis das tracas dos fogos artificiais. Ó mellor é por isto polo que a miña intelixencia é tan artificial.
Artificial. Feito ou producido pola arte ou a industria e non pola natureza. No meu caso é pola arte. Sempre fun propenso a ser intelixente, listo, culto, espelido, astuto, arteiro, douto, instruído, letrado, lido, entendido, erudito, versado, albelo, aleuto, esperto, vivo... O que pasa é que cando cheguei a C.O.U. (curso de orientación universitaria), cansei. A orientación tirou máis ás novelas do Oeste de Marcial Lafuente Estefanía e á galbana dos feitos. O de universitaria xa non sei que significa.
Porén, a miña intelixencia artificial aquí está: non hai tan só escuridade e luz (hai penumbra), día e noite (hai luscofusco), poesía ou prosa (hai teatro... político), galego ou castelán (hai sánscrito e arameo), boi e vaca (hai burros e ovellas), tigres e leóns (hai cans de palleiro). Todo iso significa que non son tan inculto, tan parvo, tan ignorante, tan panoco... E paro.
Café Brétema. A Valenzá. Martes, 30 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario