Dosifiquei os pensamentos. Pensar moito, por veces, esgótame. A maiores de que bastantes veces penso acelerado. E díxose sempre que as présas nunca son boas. As dos pensamentos, menos. Porque, estes, cando aparecen, intentamos seguir o seu ritmo ó momento, intentamos actuar xa. E, así, tan rapidamente, podemos escaldarnos. Si, mellor pensar con pachorra, paseniño, amodiño, dándolle tempo a que os miolos asimilen as presuntas accións, os supostos feitos. Pensar moito e correndo, ás veces, escangalla o hipotético resultado final.
Dosifiquei os pensamentos. Porque penso tanto que mesmo noto como me ferve a cabeza. Ou como mollo a almofada a causa da calor pensativa, meditabunda. Ou como dou voltas entre as sabas brancas. Porén, non só penso na cama; tamén penso andando, correndo ou facendo o parvo. Pensar estou sempre pensando. Porque... si, case sempre é bonito e barato.
O peor de dosificar os pensamentos é que, ó pensar tan lentamente, empezo a mesturar uns con outros. Ás veces fago tal nobelo que dubido que será peor: se pensar moito e correndo ou pensar pouco e amasándoos. Nesta vida todo se complica. Ata os pensamentos.
O absurdo xa chega cando mesturo pensamentos bos e malos, cando penso correndo e amodo. Todo nunha amasada que, ó final, ata poida que saia aceda, amarga. Como na vida; que quen moito abarca, pouco aperta. Unha carallada. Emporiso, en principio, sigo a dosificalos. Para que non me rebente a cabeza.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 6 de outubro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario