miércoles, 22 de octubre de 2025

NA NOITE PECHA


Ela estaba a contemplar o mar. Mellor aínda; estaba a escoitar o ruído do mar. Era noite pecha. El estaba tombado nun outeiro observando algunha que outra estrela fugaz. Non sabían un do outro. A distancia entre eles era enorme.

Ela deixaba que cada onda do mar amortecese o ruído no seu corazón. El viaxaba prendido ó ronsel que deixaban as estrelas fugaces. En cada viaxe, un soño e en cada soño, unha esperanza. Ela sabía que algo estaba a acontecer. El intuía que o pasado, o presente e o futuro bailarían un tango polos confíns do universo. Os dous xuntos, sen sabelo, prendéronse ás agullas do tempo.


Ela, desde a beira do mar, viu unha estrela fugaz. El notou un latexo semellante ó son dunha onda. Ela buscou o silencio dentro do ruído. El deixou que os recordos buscasen ese murmurio. Os dous pecharon os ollos a un tempo, pero sen saber un do outro. Tan só o universo era testemuña dos seus feitos.

Ela borboriñou unha canción brasileira. El asubiou un tema de Morricone. Os dous formaron unha película de ciencia ficción. Ela deixou de atravesar a noite para ver o mar. El deixou de buscar e perseguir estrelas fugaces. Sen sabelo, pero a un mesmo tempo, os dous contemplaron a lúa vella. Alá, nela, viron os seus reflexos. Nese momento souberon que ningunha distancia é quen de separar os anhelos. Ela marchou. El ergueu. Segue a noite pecha.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 22 de outubro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario