sábado, 18 de octubre de 2025

IMOS E VIMOS


A vida transcorre entre un ir e vir a calquera lugar. Ou a todos os lados. Como a de todos, a da inmensa maioría. Imos e vimos, tornamos e volvemos. Así un día detrás doutro. Sempre. Somos monicreques da nosa propia existencia. Incluso durmindo estamos indo e vindo. Nos soños. Todos soñamos e sempre facemos algo. Imos e vimos.

Todo vai. Todo vén. Todo flúe. Ata o silencio vai para acalar o ruído. Mesmo o ruído vén para rachar o silencio. A nostalxia viaxa a infancia. A infancia vén en forma de recordos. Os recordos volven da memoria. O bambán vai, o acaneadoiro vén. Os versos van ó poema, o poema vén da poesía. As pingas de orballo van á páxina en branco e volven á meniña dos ollos.


Imos e vimos. Tornamos e volvemos (Cada vez que digo tornar e volver lembro a miña nai que, ó dicirlle que aínda quedaba todo un mundo por acabar de cavar tal eido, sempre me respondía o mesmo: “non queda nada, só ir e vir, tornar e volver”. O que pasa é que ir e vir, tornar e volver era moitas veces) Imos e vimos todo o día. Todos os días. A culler vai ó prato, a comida vén á boca. O elefante vai á tea de araña e esta vén sempre a enredarse na cabeza. As palabras van e veñen, as miradas van e veñen.

A guerra vai e a paz vén. (O peor é que, a paz, despois, dura pouco) A carraxe vén, o berro vai. A dor vén e a morte... a morte tamén vén para acabar de rematar a contenda. A contenda desa vida que vai e vén, que torna e volve con sorrisos e altibaixos, con ansias e nugallas, con desexos e indiferenzas, con alegrías e sufrimentos. Imos e vimos polos confíns do noso propio universo.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 16 de outubro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 18 de outubro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario