Levo varios días castigando o meu corpo. Fixen un leito de toxos e nel estou tombado día e noite, noite e día; as 24 horas. Quero saber que se sente. Ou máis ben, quero saber por que ós burros non lles pican ou, se lles pican, por que os seguen a comer. Eu, como burro que son, optei por esa arroutada e a ver que pasa.
O que pasa, en principio, é que teño todo o corpo fodido, pingando, chorreando sangue coma fonte de infinidade de canos. Si, aguanto coma os heroes, pero baixo unha dor a que, é certo, pouco a pouco, me estou a facer. Cada vez a sinto menos. Quizais porque o corpo xa se está afacendo, habituando.
Mortifico o corpo porque, de burro, en vez de quedar quieto, nunha simple postura ou posición, dou voltas como unha buxaina, como as que daba na cama todas as noites antes de quedar durmido. E daba unhas cantas. Digo daba porque, repito, levo varios días deitado sobre toxos arnais que están a traspasarme ata a alma.
Cada vez admiro máis ós burros; non xa só polo seu traballo, polo seu emprego na vida labrega, senón por comer nos toxos coma se se lanzaran ó manxar máis exquisito, cando a min me están a triturar as mesmas asaduras. E cada vez estou máis convencido de que as miñas arroutadas empezan a ser masoquistas. É igual; seguirei a cometelas, porque a min non me dobrega nin o imposible. Calquera día métome no propio bandullo dun burro para saber como quedaron os toxos que comeu.
Café Brétema. A Valenzá. Martes, 14 de outubro de 2025

No hay comentarios:
Publicar un comentario