Notifiquei o asentamento dun pensamento que tiña gardado nun recanto do tempo. O tempo é o de menos. E o pensamento... o pensamento versaba sobre o ir e vir, sobre o arrandeadoiro dun morcego. Os morcegos, pobres, tamén merecen a nosa atención. Só que sexa polo mero feito de ter unha baixa agudeza visual. A fama esa de chuchar o sangue débese máis ben ó cine de terror.
Ademais, con todo o que lles fixemos pasar de rapaces, ben merecen agora unha pequena gabanza á súa existencia. De rapaces acosabámolos nos canellóns de Baños de Molgas cunhas varas longas para intentar zouparlle cando pasaban por enriba das nosas cabezas. Si, era unha caza de diversión, unha caza de nenos inocentes, pero caza. Máis dun caía medio ferido, medio morto e, non contentos con iso, colliámolos polas ás e intentabamos estudalos, experimentar, mesmo os faciamos fumar.
Os morcegos, co tempo, convertéronse en todo un símbolo, en toda unha icona, en todo un xénero cinematográfico. Imos ver unha de vampiros, se dicía. E sabiamos que aparecerían, primeiro, covas cheas de morcegos, que algún destes conseguía morder a un humano e aí empezaba a vampirismo de toda a contorna. E xa postos, asomaba o conde Drácula, que era morcego e vampiro de noite, polo que non tardaba en saborear, principalmente, os pescozos das mulleres de pel fina. Os morcegos colleron mala fama, pero son uns marabillosos mamíferos ecolóxicos. Controlan pragas de insectos e pequenos vertebrados.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 30 de outubro de 2025

No hay comentarios:
Publicar un comentario