martes, 14 de octubre de 2025

ALGÚN DÍA ELES TAMÉN


Paseo pola marxe esquerda do río Arnoia. Ó lonxe, o grallo dun gaio. Arriba, o ronsel dun avión que acaba de pasar. Polos auriculares, o “Billie Jean”, de Michael Jackson. Ó meu arredor, todo é baleiro. Diante miña, baleiro. Detrás miña, baleiro. Porén, os xestos corporais seguen o ritmo da música. Bailarei sobre as tumbas dos opresores. Porque algún día eles tamén morrerán.

Sento á sombra dun amieiro, xusto á altura da pasarela das Mestras. Ó lonxe, un vencello que voa deica o infinito e máis alá. Arriba, o ronsel do avión practicamente se esfumou. Polos auriculares, uns asubíos de Ennio Morricone nunha desas spaghetti western dos anos sesenta. Ó meu arredor, todo é soidade. Diante miña, soidade. Detrás miña, soidade. Porén, os beizos contráense e asubían tamén o tema de Morricone. Asubiarei sobre os nichos dos tiranos. Porque algún día eles tamén finarán.


Cruzo a pasarela das Mestras. Ó lonxe, unha carriza que asenta sobre as flores dun toxo. Arriba, o ronsel e o avión xa son tan só un recordo. Polos auriculares, o “Love Me Tender”, de Elvis Presley. Ó meu arredor, todo é nostalxia. Diante miña, nostalxia. Detrás miña, nostalxia. Así a todo, a gorxa contráese e deixa escapar ruxerruxes musicais imitando ó rei do rock. Cantarei sobre as sepulturas dos déspotas. Porque algún día eles tamén falecerán.

Deito sobre o verde das Mestras. Ó lonxe, unha rula que me mira. Arriba, un ceo azul que me gorece. Polos auriculares, un instante de silencio. Ó meu arredor, todo é silencio. Diante miña, silencio. Detrás miña, silencio. Secasí, lanzo un ouveo. Oulearei sobre o sepulcro dos potentados. Porque algún día eles tamén perecerán.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 13 de outubro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Martes, 14 de outubro de 2025


Foto: Pasarela das Mestras (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario