Goldrei o río Arnoia á altura da ponte que leva a Foncuberta. Ben podía cruzar por esa ponte cara á Parrumeira, pero non. Aquel día apetecíame meterme no río, mollar os pés e goldralo.
O Dicionario da Real Academia Galega non recolle este significado da palabra goldrar como acción de cruzar un río descalzo, cos pantalóns arremangados ata os xeonllos ou ata onde dean de si. Para a RAG, goldrar significa preparar [as peles] para que solten o pelame e logo curtilas. Tamén define a goldra como a materia que desprende algo ó podrecer. Nada máis.
Envieilles unha consulta para preguntar por ese outro significado. Cando responderon, indicáronme que o termo aparece recollido polo sacerdote, profesor, lingüista e etnógrafo Eligio Rivas Quintas, quen dá a entender que este uso é propio da contorna de Baños de Molgas e doutros concellos limítrofes.
Eu son dos que pensan que, hoxe en día, os dicionarios deberían recoller todas aquelas palabras que emprega unha parte significativa da poboación. A capacidade que ofrecen os medios dixitais permite incorporar tamén formas consideradas incorrectas ou variantes dialectais, sempre indicando a súa condición e remitindo á forma normativa correspondente. Un dicionario tamén é un espello da lingua viva.
Pola miña zona sempre se dixo goldrar. E tamén carrancoña, augana, atugar e outras palabras que agora mesmo non me veñen á memoria e que tampouco aparecen nos dicionarios galegos. Con todo, forman parte da miña fala desde que teño recordo.
Así que, mentres a RAG investiga, eu seguirei goldrando o Arnoia camiño da Porfía, no monte de Pinouzos, en Baños de Molgas. Cando eramos rapaces e iamos coas vacas para o monte, antes de existir esa ponte, había que goldrar o río si ou si. Era a única maneira de pasar, a non ser que tivésemos un burro que nos fixese o servizo.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 9 de xullo de 2026
Foto: Lugar polo que goldrabamos o río antes de existir a ponte (Baños de Molgas)
No hay comentarios:
Publicar un comentario