O calendario da memoria histórica garda datas que non deberían caer nunca no esquecemento. O 6 de xullo é unha delas para a Arxentina, pois nese día conflúen dous episodios que simbolizan a brutalidade da última ditadura militar e o emprego do terror como instrumento de poder.
O 6 de xullo de 1976 (hai hoxe 50 anos) tivo lugar a coñecida como masacre de Palomitas, na provincia de Salta. Once presos políticos, que permanecían baixo custodia do Estado, foron retirados do cárcere coa escusa dun traslado. Lonxe de seren conducidos a outro centro penal, foron executados a sangue fría nunha paraxe situada ó sur de General Güemes. Os seus corpos foron posteriormente dinamitados para simular un enfrontamento coa guerrilla, nun intento de ocultar un crime planificado polas autoridades militares. A orde foi atribuída ó tenente coronel Carlos Alberto Mulhall, daquela interventor militar da provincia.
Tan só un ano despois, o 6 de xullo de 1977, comezaba outro dos episodios máis escuros da represión: a chamada Noite das Gravatas. Durante varios días, forzas da ditadura secuestraron, torturaron e asasinaron a un grupo de avogados laboralistas, especialmente na cidade Mar del Plata. O seu “delito” consistía en defender os dereitos dos traballadores e promover unha lexislación laboral máis xusta, converténdose así en obxectivos dun réxime que pretendía eliminar toda forma de oposición política, social ou profesional.
Ambos os feitos evidencian que a represión non se dirixía unicamente contra os grupos armados, como pretendía xustificar a propaganda oficial, senón tamén contra persoas indefensas, profesionais, sindicalistas, estudantes ou militantes políticos cuxa actividade resultaba incómoda para o poder.
Co retorno da democracia, moitos deses crimes foron investigados e os seus responsables acabaron comparecendo ante a xustiza, aínda que o camiño estivo, como non, cheo de dificultades. A memoria das vítimas converteuse nun piar esencial para construír unha sociedade máis consciente do valor dos dereitos humanos.
Cada 6 de xullo, lembrar Palomitas e a Note das Gravatas non significa só render homenaxe ás persoas asasinadas, senón tamén reafirmar un compromiso colectivo coa verdade, a xustiza e a memoria. Porque só unha sociedade que coñece o seu pasado pode evitar que o horror volva repetirse.
Que a sociedade española se aplique o conto.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 4 de xullo de 2026


No hay comentarios:
Publicar un comentario