sábado, 4 de julio de 2026

A CARREIRA DA RETRANCA


Que ben se está cando se está ben, díxolle a lebre ó sapoconcho nunha desas tardes de canícula na que ambos coincidiron á sombra duns amieiros do regato das Lamas, na vila de Baños de Molgas.

O sapoconcho limitouse a abanear a cabeza un par de veces, dando por boa a afirmación da lebre.

Esta empezou a torcer o fociño nun sorriso que, xa de lonxe, deixaba ver toda a súa retranca, a súa burla e mesmo certa malicia. Non tardou en facelo efectivo: “Bótoche unha carreira”, soltoulle de súpeto. E, como quen non quere a cousa, engadiu que lle concedía unha boa vantaxe.


Partirían desde onde se atopaban e chegarían ata onde as Pedradarcas se xuntan cos Pontóns. A vantaxe remataba no cruce coa carreira das Lagoas. Como testemuña da aposta tomaron un grilo que, xusto nese intre, asomaba a cabeza polo seu buraco coa intención de botar unhas cantigas.

O sapoconcho non perdeu tempo. Púxose ó choio de contado e iniciou a súa particular carreira, imaxinándose por momentos Fernando Alonso ou Emerson Fittipaldi.

A lebre, pola contra, seguiu coa súa ladaíña de “quen ben se está cando se está ben”. Estirouse un chisco máis sobre a herba e, cando xa pensaba en botar unha cabezada porque estaba convencida de que lle sobraba tempo para alcanzar á tartaruga, despediu ó grilo e púxose de parola cunha pega que aniñaba na copa daquel amieiro.

Mentres a lebre parolaba, o sapoconcho facía camiño ó andar. Amodo, si, pero paso a paso. Chegou á meta, deu un dos seus pequenos brincos e deitouse ventre arriba, ou, mellor dito, cunca abaixo.

A lebre apareceu pouco despois, esgotada e, agora si, co sorriso torcido. Mais xa non era un sorriso de burla, senón de cansazo e de dor.

O sapoconcho mirouna con calma e, sen perder a retranca, sentenciou: Que ben se está cando se está ben.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 30 de xuño de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario