sábado, 11 de julio de 2026

O DÍA EN QUE NACEU O MUNDIAL


Quedando sete días xustos para que remate este Mundial de Fútbol, no que oxalá España consiga mañá pasar, polo menos, á final, sería bonito recordar que precisamente hoxe se cumpren 96 anos da primeira edición que se celebrou en Uruguai. O 13 de xullo de 1930 iniciouse a maior celebración futbolística, en particular, e case, ou sen case, deportiva en xeral. Certo que os Xogos Olímpicos teñen o seu aquel, pero con algúns deportes tan minoritarios que, en conxunto, non creo que alcancen o seguimento estratosférico dun Mundial de Fútbol.

A elección de Uruguai como sede non foi casual. A selección celeste viña de proclamarse campioa olímpica en 1924 e 1928 e, ademais, o país celebraba o centenario da súa primeira Constitución. A FIFA, presidida polo francés Jules Rimet, considerou que era o escenario ideal para poñer en marcha unha competición propia, separada dos Xogos Olímpicos, coa intención de coroar cada catro anos á mellor selección do planeta.


Non obstante, aquel primeiro Mundial estivo moi lonxe das dimensións actuais. Só participaron trece seleccións: sete suramericanas, catro europeas e dúas norteamericanas. A longa travesía en barco a través do Atlántico, que podía durar máis de dúas semanas, fixo que moitos países europeos renunciasen á invitación. Francia, Bélxica, Romanía e Iugoslavia embarcáronse finalmente nunha aventura que hoxe resulta case inimaxinable.

Os partidos disputáronse en Montevideo, principalmente no estadio Centenario, construído para a ocasión e convertido desde entón nun auténtico templo do fútbol. As instalacións, os medios de comunicación e mesmo a organización pouco tiñan que ver cos estándares actuais. Non había retransmisións televisivas, as noticias chegaban con días de atraso e só uns poucos privilexiados podían seguir os encontros en directo desde as bancadas.

O torneo foi medrando en emoción ata desembocar nunha final soñada entre Uruguai e Arxentina. Ante máis de 68.000 espectadores, os anfitrións impuxéronse por 4-2 despois de remontar un 1-2 adverso ó descanso. Uruguai converteuse así no primeiro campión do mundo, iniciando unha historia que, case un século despois, continúa escribíndose.


Noventa e seis anos despois, todo mudou. O Mundial converteuse nun fenómeno planetario que paraliza países enteiros, mobiliza millóns de afeccionados e xera audiencias que ningún outro acontecemento deportivo consegue igualar. É dicir, a ilusión de conquistar o mundo a través dun balón.



Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 11 de xullo de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario