O meu gozo nun pozo. Nunca mellor dito. O outro día pasamos do gozo das Pozas do Mallón ó pozo do Pozo Caído, vaia a redundancia. Non, a fervenza do Pozo Caído non está nada mal; o que pasa é que se xuntaron dúas circunstancias, dúas adversidades, que fixeron que a ruta ata esa fervenza non fose tan do noso agrado como a do Mallón.
A primeira das adversidades xa apareceu no propio inicio, cando, xusto ó empezar a estrada que vai á Área das Perdices, nos atopamos con que estaba cortada por mor dun simple sumidoiro que acaban de arranxar e cuxo cemento aínda estaba brando. Seguro que ó día seguinte xa retirarían a cinta que cortaba a estrada. Isto obrigounos a iniciar a ruta a pé, é dicir, catro quilómetros de ida e outros catro de volta.
Que, certo, o noso cometido era precisamente ese... realizar andainas. O que pasa é que esta fixémola por toda unha estrada, ou sexa, por asfalto, cando nós intentamos facer as andainas por carreiros e por entre carballeiras e matogueiras. E, para completar o panorama, apareceu o enxame de mosquitos e a molestia das moscas. Principalmente para o rapaz, que non soportaba telas zumbándolle arredor da cabeza. Moito lle dixen que non lles fixese caso, pero nada... Ó final, doíalle máis o brazo de escorrentalas, de axotalas, que as propias pernas de andar. Mesmo chegou o momento en que tivo que sacar a camiseta e envolvela na cabeza coma un talibán. Digo talibán por ese detalle e pola súa barba.
A segunda circunstancia que fixo posible que a visita non nos causase o mesmo gozo que a das Pozas do Mallón, foi, claro está, a pouca auga que levaba a fervenza do Pozo Caído.
Porén, e a pesar desas dúas adversidades, paga a pena facerlle unha visita ó Pozo Caído. Iso si, moito mellor cando nos abandone esta seca.
Finca Fierro. Barbadás. Luns, 24 de agosto de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario