As montañas erguíanse ao fondo, inmóbiles, como animais durmidos. Entre as flores voaban as bolboretas e, nas pólas máis altas, os paxaros anunciaban a chegada da tarde. O vento ouveaba entre os castiñeiros e arrastraba consigo o cheiro da terra húmida. Todo parecía tranquilo, demasiado tranquilo, coma se a paisaxe estivese agardando por alguén.
Ela camiñaba soa polo carreiro. Levaba unha pequena maleta na man e unha fotografía gardada no peto do abrigo. Facía anos que non regresaba a aquel lugar, pero recoñecía cada curva, cada pedra, cada sombra. Un segundo. Un minuto. Unha hora. O tempo parecía avanzar de maneira diferente alí, coma se as montañas o retivesen.
Ó chegar á vella casa, detívose diante da porta. Non había ninguén. Só un paxaro que asubiaba desde o tellado e o vento que batía contra as ventás. Por un instante, pareceulle escoitar a voz do seu pai chamándoa polo seu nome. Sorriu. Despois, un salouco escapou dos seus beizos. Abriu a porta e entrou.
Pola noite, a escuridade apoderouse de toda a bisbarra. Sentada fronte á lareira apagada, mirou a fotografía: nela aparecían os dous, moitos anos atrás, sorrindo diante daquela mesma casa. Entón comprendeu que non regresara para recuperar o pasado, senón para despedirse del. Fóra, os asubíos do vento semellaban saídos dunha banda sonora de Morricone. E, durante uns minutos, deixou que a melancolía fose o pracer de estar triste.
Á mañá seguinte marchou antes de que saíse o sol. Non levou a fotografía. Deixouna sobre a mesa, xunto á ventá. Cando se afastou pola estrada, unha bolboreta cruzou diante dos seus ollos. Ela detívose un instante, respirou fondo e continuou camiñando. O pasado quedaba atrás. O vento, mentres tanto, seguía contando a súa historia entre as montañas.
Café Alumbre. A Valenzá. Xoves, 17 de setembro de 2026
Finca Fierro. Barbadás. Venres, 18 de setembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario