sábado, 12 de septiembre de 2026

DAS CANADAS Á LATA DAS SARDIÑAS


Nunha conversa por guasap, alguén me mandou saúdos a canadas. Era a primeira vez que lía ese vocábulo. Tiña lido ou oído cando se mandan bicos, saúdos ou abrazos— a esgalla, a barullo, a carradas, a darlle cun pau ou un sacho, a embute, á envorca, a varrer..., pero nunca a canadas.

Como me gusta saber, axiña botei man do dicionario da RAG e... Canada: “Recipiente, polo xeral de latón, utilizado para muxir as vacas”. Canado: “Medida de capacidade para líquidos, principalmente viño e leite, que varía, segundo as zonas de Galicia, entre catro e oito litros”.

Meu pai, para munguir as vacas, usaba unha lata das sardiñas dun quilo —ou unha cunca grande— que, cada vez que ma cedía para que eu a baleirase no cubo, sempre lle botaba un trago. Beber aquel leite quentiño, acabado de munguir, era gloria bendita.


Naqueles tempos, a lata de sardiñas era de tanta utilidade como, por exemplo, o propio burro, que, o pobre, apandaba con todo. Coa lata das sardiñas sacabamos a calda do pote, levabámoslle o millo degrañado ás pitas, colliamos auga, colliamos fariña ou centeo para botalo á saqueta, e tantas e tantas cousas.

A canadas. Unha vez máis, demóstrase que a variedade da nosa lingua é realmente espectacular. Se a lingua castelá é rica, a galega penso que aínda o é máis. Que nun territorio tan pequeno existan dez, vinte vocábulos para dicir o mesmo é digno de gabanza. É máis, ó mellor nun simple quilómetro á redonda xa hai variedade en certas palabras.

Rematado o espazo, aproveito para mandar saudiños a canadas para todos.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 11 de setembro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario