jueves, 22 de octubre de 2026

APUNTAR BEN, ACERTAR MAL


Localicei o obxectivo. Apuntei. Disparei. Fallei. Nunca fun bo apuntando. Digo mal: apuntar, apunto sempre ben. Onde poño o ollo non poño a bala porque, nalgún momento, quizais a medio traxecto, se desvía. A causa de tal desvío puido ser o meu pulso ou un sopro de aire.

Digo que sempre fun malo disparando. Digo mal outra vez: disparar, disparo como se nada; simplemente aperto o gatillo e xa está. Tamén pode ser que a bala ou o balote se desvíen nese mesmo instante, pola presión sobre o gatillo, que fai que a pistola, o fusil, o CETME, a escopeta, a arma, se mova un chisco. Entón, o desvío produciríase xa na saída, e non a medio camiño, como dicía antes.

Para rematar de explicar o asunto da localización do obxectivo, teño que seguir dicindo que sempre fun malo atinando, acertando. Agora si, agora ese é o verdadeiro problema: fallo sempre.


Son tan malo acertando, tan malo atinando, que teño anécdotas a darlle cun sacho. Tamén digo mal (ai, por Deus, non dou unha no cravo, non acerto unha!), pois atinar, atino sempre; o que pasa é que, as veces que acerto, non é onde puxera o ollo.

Unha vez, polo san Martiño, antes do magosto de Baños de Molgas, estábamos xogando ó fútbol nas pistas de tenis. Apuntei coa perna ó balón e atineille á columna de granito da cerca que arrodea a cancha e sostén o aramado, para que non escapen os balóns nin as pelotas. Naquel momento non sentín nada e mesmo seguín xogando. Foi no propio magosto cando pensei que o pé me rebentaba a bota, de tanto como se me inchara.

O espazo non me dá para contar outras anécdotas. Que sigan, logo, no sacho.


    Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 22 de outubro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario