Por varias veces confesei a miña admiración polos creadores de viñetas, que, cunha simple frase —a maioría das veces bastante curta—, son quen de aclararche todo un concepto, unha novela, un asunto, unha idea, todo un mundo.
Algo moi semellante lles acontece ós debuxantes: cun pequeno trazo fanche ver ou intuír aquilo que nin sequera imaxinabas. Tampouco desmerecen os que debuxan sobre un orixinal, sexa unha paisaxe, unha fotografía ou calquera outra cousa que entre no seu campo de visión. Nestes casos, quizais o que máis chama a atención sexan os detalles, a perspectiva desde a que contemplan e interpretan aquilo que están debuxando.
Así, hai quen debuxa palabras de auga sobre un pipote de tres cántaras. Ou sobre un encoro da terra brava. Hai quen debuxa ese silencio que se agocha nun recanto do desexo. Ou da memoria. Hai quen debuxa as mensaxes nunha simple mirada, mesmo cando esta pertence a un pequeno animal.
Debuxar trazos ou reproducir imaxes: tanto ten. O importante está no detalle, no que se quere dicir ou amosar. Na esencia. Tamén na felicidade ou na fantasía do momento.
Hai xente que debuxa bicos cheos de nostalxia, despedidas preñadas de melancolía, berros en gorxas secas, saloucos ó ritmo dunha canción. E en cada debuxo hai relaxación, hai soños compartidos, hai bolboretas no estómago, hai calma nas treboadas, hai asubíos na néboa e luces nas sombras.
Porque debuxar é plasmar a memoria do que foi, do que sentimos e, quizais, do que nunca chegamos a vivir. É deter por un instante o tempo.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 20 de novembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario