viernes, 17 de octubre de 2025

POR NON QUEDAR CALADO


Falei por non quedar calado. E iso que, moitas veces, o mellor é ter a boca pechada. Si, aquilo de en boca cerrada non entran moscas. Nin tabáns. Aínda que, por esta vez, non me quedou outra que falar. Estábanse a dicir cousas que non procedían, que non viñan a conto. Algúns incluso xa empezaban a dicilas a berros e a bracear. Bracear e berrar non é bo que vaian xunguidos, que vaian xuntos. Ás veces, coma quen non quere a cousa, un brazo escápase máis alá do braceo normal e xa se armou un desencravo, xa se armou a do demo e a mona.

Non quedaba outra, entón, que intervir; antes de que o parladoiro fose a maiores; antes de que os berros se volveran alaridos. Así é que erguín da cadeira na que estaba sentado, levantei os brazos en sinal de paz e, por que non, tamén levantei a voz para que se me escoitara ben, para poñer as cousas no seu sitio e para que souberan o que estaba a piques de dicir.


E dixen. Durante vinte ou trinta minutos falei todo o que tiña que falar... Non me entendeu ninguén. É máis, vin e contemplei caras e expresións que ata a min mesmo me deixaron un pouco retraído, ou máis ben, fundido. O caso é que, eu, falara todo convencido, mesmo cheguei a baixar a voz en sinal de sosego e porque notei que non era preciso berrar.

Logo do estupor dalgúns e das malas olladas doutros, axiña volveron a esbardallar sen sentido. Aguantei pouco tempo. Tiven que volver falar para non quedar calado. Perdón, quixen volver falar. Xa non me deixaron. Foi a partir de aí cando desconectei e marchei. Marchei amolado e bastante molesto. Ninguén me quixo entender. Pois que se maten entre eles.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 16 de outubro de 2025

jueves, 16 de octubre de 2025

DOUS SORRISOS DIFERENTES


Vístome amodiño, que teño présa. Amodiño para poñerme guapa. Son guapa. Son xeitosa. Son ben feita. E iso que hoxe espertei coa uña da deda gorda dereita bastante negra. Ó mellor levei un golpe sen querer. Non sei.

Sei que son guapa pola forma en que me miran os homes. Aínda que, a maioría, non me mira á cara; mírame os peitos. Eu, como non son parva, e tan só para alporizalos un pouco, desabotoo un pouco máis o vestido ou á blusa ou a camisa para que se me vexa ben o rego. Bríllanlles os ollos. Ábreseme o sorriso.


Son a filla de Rosalía, A Laverca, e sempre fun moi espelida. Ás veces miña nai bérrame que son unha pécora, unha paxara, unha pendanga, pero nunca, ningún home, me puxo a man encima sen o meu consentimento. Unha vez un, si, quixo ir un pouco máis alá no camiño que leva ó muíño, pero deille tal golpe co xeonllo dereito nas súas partes que, agora, cada vez que me ve fuxe coma can con vincha ó rabo.

Eu tamén me chamo Rosalía, aínda que sei que, por detrás, me chaman A Candonga. Nin caso lles fago. Teño as miñas armas para desarmalos a todos: homes e mulleres. Ós homes co meu físico e ás mulleres chégame cun sorriso burlón.

Vístome amodiño porque a miña roupa non é a dunha tela calquera. Son máis elegante que unha princesa. Aínda que miña nai chámame doutra maneira. A esta sorríolle cariñosamente. Para que a vou facer rabiar. Saio con tacón alto e non tardo en avistar ós de sempre. Moitos noto como se cambian de beirarrúa tan só coa intención de cruzarse comigo e buscar o rego do meu peito. Inocentes!


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 15 de outubro de 2025


Foto: Camiño ó muíño (Baños de Molgas - Ourense)

miércoles, 15 de octubre de 2025

ARROUTADA MORTIFICANTE


Levo varios días castigando o meu corpo. Fixen un leito de toxos e nel estou tombado día e noite, noite e día; as 24 horas. Quero saber que se sente. Ou máis ben, quero saber por que ós burros non lles pican ou, se lles pican, por que os seguen a comer. Eu, como burro que son, optei por esa arroutada e a ver que pasa.

O que pasa, en principio, é que teño todo o corpo fodido, pingando, chorreando sangue coma fonte de infinidade de canos. Si, aguanto coma os heroes, pero baixo unha dor a que, é certo, pouco a pouco, me estou a facer. Cada vez a sinto menos. Quizais porque o corpo xa se está afacendo, habituando.


Mortifico o corpo porque, de burro, en vez de quedar quieto, nunha simple postura ou posición, dou voltas como unha buxaina, como as que daba na cama todas as noites antes de quedar durmido. E daba unhas cantas. Digo daba porque, repito, levo varios días deitado sobre toxos arnais que están a traspasarme ata a alma.

Cada vez admiro máis ós burros; non xa só polo seu traballo, polo seu emprego na vida labrega, senón por comer nos toxos coma se se lanzaran ó manxar máis exquisito, cando a min me están a triturar as mesmas asaduras. E cada vez estou máis convencido de que as miñas arroutadas empezan a ser masoquistas. É igual; seguirei a cometelas, porque a min non me dobrega nin o imposible. Calquera día métome no propio bandullo dun burro para saber como quedaron os toxos que comeu.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 14 de outubro de 2025

martes, 14 de octubre de 2025

ALGÚN DÍA ELES TAMÉN


Paseo pola marxe esquerda do río Arnoia. Ó lonxe, o grallo dun gaio. Arriba, o ronsel dun avión que acaba de pasar. Polos auriculares, o “Billie Jean”, de Michael Jackson. Ó meu arredor, todo é baleiro. Diante miña, baleiro. Detrás miña, baleiro. Porén, os xestos corporais seguen o ritmo da música. Bailarei sobre as tumbas dos opresores. Porque algún día eles tamén morrerán.

Sento á sombra dun amieiro, xusto á altura da pasarela das Mestras. Ó lonxe, un vencello que voa deica o infinito e máis alá. Arriba, o ronsel do avión practicamente se esfumou. Polos auriculares, uns asubíos de Ennio Morricone nunha desas spaghetti western dos anos sesenta. Ó meu arredor, todo é soidade. Diante miña, soidade. Detrás miña, soidade. Porén, os beizos contráense e asubían tamén o tema de Morricone. Asubiarei sobre os nichos dos tiranos. Porque algún día eles tamén finarán.


Cruzo a pasarela das Mestras. Ó lonxe, unha carriza que asenta sobre as flores dun toxo. Arriba, o ronsel e o avión xa son tan só un recordo. Polos auriculares, o “Love Me Tender”, de Elvis Presley. Ó meu arredor, todo é nostalxia. Diante miña, nostalxia. Detrás miña, nostalxia. Así a todo, a gorxa contráese e deixa escapar ruxerruxes musicais imitando ó rei do rock. Cantarei sobre as sepulturas dos déspotas. Porque algún día eles tamén falecerán.

Deito sobre o verde das Mestras. Ó lonxe, unha rula que me mira. Arriba, un ceo azul que me gorece. Polos auriculares, un instante de silencio. Ó meu arredor, todo é silencio. Diante miña, silencio. Detrás miña, silencio. Secasí, lanzo un ouveo. Oulearei sobre o sepulcro dos potentados. Porque algún día eles tamén perecerán.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 13 de outubro de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Martes, 14 de outubro de 2025


Foto: Pasarela das Mestras (Baños de Molgas - Ourense)

lunes, 13 de octubre de 2025

O ASUNTO TEN O SEU AQUEL


Que susto! Pensei que lle darían o Nobel da Paz a Donald Trump. Claro que, agora, ó non conseguilo, igual se bota para atrás coas negociacións de paz entre Isreal e os palestinos. Se se bota para atrás, xa sabemos o que acontecerá: máis xenocidio e exterminio total do pobo palestino. Ademais díxoo ben claro: o que eu diga vai á misa. Ou se respectan as súas condicións ou as mulleres e nenos da franxa de Gaza seguirán a caer como moscas.

Agora, como non lle concederon o Nobel da Paz, igual sobe o ton das súas protestas para botar fóra da OTAN a España. A carraxe sempre é mala conselleira. Aínda que, a este respecto, oxalá que a Organización do Tratado do Atlántico Norte nos bote fóra. Un gasto enorme menos e, total, para o que vale a OTAN... Cando hai guerras xúntanse, reúnense, comen, beben, falan, bracean, divírtense, si, ata poida que discutan algo, pero coa boca pequena. Á hora da verdade, os nenos e mulleres seguirán caendo en calquera das guerras. Porén, as intencións de paz é o que conta.


Para que queremos a OTAN? Se nos vemos envoltos nunha guerra, os demais países membros dese Organismo axiña achacarán asuntos internos ou calquera outra trapallada que valla de escusa para non intervir. Como moito, xa digo, reunións, parladoiros, boas maneiras e punto e final. A non ser, iso si, que Estados Unidos ordene o contrario. Hoxe en día todo está baixo a batuta dos ianquis, ou sexa, de Donald Trump.

Susto polo medo a que lle deran o Nobel da Paz e, vaia carallada, medo agora a que non llo deran. O asunto ten o seu aquel.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 10 de outubro de 2025

domingo, 12 de octubre de 2025

SE QUERE QUE..., PREMA


Chamar a un centro de saúde do Sergas é toda unha aventura, cómpre ter tempo e ter a paciencia envolta entre algodóns para que non rebente, para que non explote.

Se quere que o atendamos en galego, prema 1. Se quere que o atendamos en castelán, prema 2. Premo 1 e case sempre alguén me fala en castelán. Se é para unha consulta, pulse 3. Se é para unha cita, pulse 4. Se é para análises, déalle ó 5. Se é para tomar a febre, prema 6. Se tanto unhas cousas como as outras son para antes do almorzo, prema 7. Se son para despois do café, prema 8. Se ten dúbidas, prema 9, que xa o orientamos nós.


Mentres espera, se quere asubiar a Novena de Beethoven, non fai falta que prema; simplemente asubíe. Se despois de toda a sintonía aínda lle queda tempo para ir mexar, prema o 1 e o 0, que nós somos agora os que esperamos. Os números con dous díxitos quero que saiba que son coma contrasinais para saber se vostede perdeu ou non perdeu a paciencia. E xa que estamos, se a perdeu, prema dúas veces o 1. Se non a perdeu, prema o 1 e o 2. E se se sente un heroe, siga que aínda non acabamos.

Se quere que a cita sexa para o día máis próximo, aperte no 1 e no 3. Se a quere logo de seis meses, pulse no 1 e no 4. Se a cita a deixa ó chou dunha máquina que temos por aquí, prema o 1 e o 5. Se cansou e desiste de concertar cita ou consulta, prema o 1 e o 6, e volva intentalo.

Dentro duns minutos farémoslle unha chamada para realizar unha enquisa sobre o tratamento telefónico que se lle dispensou. Moitas grazas pola súa chamada e pola súa atención. Que teña un bo día. Ou unha boa tarde. Amables si que son.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 9 de outubro de 2025

sábado, 11 de octubre de 2025

NO INFERNO BRANCO


Dise que as coincidencias non existen. Non o sei. Pero o outro día vin a película “A sociedade da neve”, do director español J.A. Bayona, e hoxe cúmprense 53 anos do accidente que narra a película. Foi no ano 72 e as persoas que sobreviviron fixérono durante 72 días. Eu tampouco creo nas coincidencias, pero...

Pero a realidade foi unha traxedia que conmoveu ó mundo. A min, máis que a película, que é moi boa, principalmente o accidente e a avalancha posterior, xa me impresionara o libro “Viven!”, de Piers Paul Read, que lera sendo rapaz no colexio dos Milagres. Abraiárame tanto que, aínda hoxe, lembro os nomes dos, pódeselle chamar, protagonistas principais: Nando Parrado e Roberto Canessa.


O 13 de outubro de 1972, un avión da Forza Aérea Uruguaia despegou de Montevideo con destino a Santiago de Chile. A bordo viaxaban 45 persoas: xogadores dun equipo de rugby, amigos e familiares. Ninguén imaxinaba que ese voo se convertería nun dos episodios máis estarrecedores da historia moderna.

A aeronave atopouse con malas condicións meteorolóxicas ó cruzar a cordilleira dos Andes. Un erro de navegación levou á tripulación a crer que xa superaran as montañas, polo que iniciaron o descenso antes de tempo. Ás 15:34, o avión estrelouse contra unha ladeira nevada a máis de 3.500 metros de altura, nunha zona remota entre Arxentina e Chile. O impacto partiu a fuselaxe en dous e deixou ós sobreviventes nun inferno branco.

Dos 45 pasaxeiros, 33 sobreviviron ó choque inicial. Porén, as baixas temperaturas, a falta de alimentos e as feridas reduciron o número día tras día. Improvisaron refuxios cos restos do avión e utilizaron a neve derretida como única fonte auga. A radio que acababan de reparar tróuxolles unha noticia devastadora: as autoridades suspenderas a busca.

A partir de aí iniciouse unha loita sobrehumana pola supervivencia. Enfrontados á inanición e ó illamento total, os mozos tomaron unha decisión que estremeceu o mundo cando se soubo: recorreron ó canibalismo, comendo os corpos dos seus compañeiros mortos.

Cando Parrado e Canessa, que emprenderan unha travesía épica en busca de axuda, se atoparon cun arrieiro chileno, remataron aí unha epopea de fe, coraxe e supervivencia, onde uns mozos uruguaios desafiaron á morte e renaceron no inferno branco.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 11 de outubro de 2025