viernes, 7 de noviembre de 2025

NA PROCURA DE MATT DAMON


Levo tres semanas no planeta Marte. Estou só. Aquí non hai ninguén. Nin tan sequera está Matt Damon. Se estou aquí é precisamente por el. Vin na súa procura e... ou xa marchou, ou anda por aí perdido, ou aquí nunca estivo. Agora empezo a recoñecer que o cine, as películas son distraccións, fantasías que nos meten na cabeza e que cremos de máis. Sinceramente, pensaba atopar e saudar a Matt Damon.

Estou só. Non hai un maldito marciano. Por non haber non hai nada. Non vin unha xesta nin moito menos un toxo. Terreo si que hai, para albergar iso e moito máis. Non hai regatos, non hai paxaros, non escoito o ruído do mar porque tampouco hai mar. Non hai un farrapo de gaita!


Como non quero saber nada dos ianquis, en vez de saír de Cabo Cañaveral, optei polo alto da Chaira, xusto á beira do campo de fútbol de Baños de Molgas. Uns poucos familiares e tres ou catro veciños a despedirme. Alguén me dixo que levase o meu can Uriarte, pero tiven medo a que non aturase a viaxe. Agora mesmo estou arrepentido; sería a solución a esta soidade que empeza a corroerme. Puto Matt Damon! Non puido esperar un pouco.

No traxecto, dentro da nave espacial, non fixen outra cousa que ler, escoitar música e, iso si, aproveitando que estaba só e que non me escoitaba ninguén, cantei a grito pelado e, por esta vez, sen pensar na famosa ladaíña de miña nai: “ai, neno, que mal cantas”.

Estou só. A soidade empeza a... Un momento! Alá ó lonxe ven Matt Damon! Nai que o pariu, como vai cambiar o conto!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 5 de novembro de 2025

jueves, 6 de noviembre de 2025

POR MEDO?


Abre a boca. Vas notar unha pequena picada, Cerra a boca. Mentres a anestesia fai efecto, pequenas bromas sobre a mala fama dos dentistas. Máis ben, sobre o medo ós dentistas. Si, habíaos brutos. Tamén é certo que os seus instrumentos eran outros. Como en todo: o tempo pasa e algo se mellora.

Abre a boca. Empezamos. Se notas algunhas molestia, dilo ou ergue unha man, etc. Pechamos os ollos. Por que pechamos os ollos? Porque nos molesta a potente luz que lles alumea a eles? Non creo. Todo sería cuestión de non mirar para o resplandor. Porque nos dá apuro mirarlle ós ollos á dentista ou ó dentista? Poida que, ás veces, si; mais non creo que ese sexa o motivo. Porque nos pode salpicar algo da porcallada cando nos furgan nese dente ou dentes? Tamén poida que si, pero... Pero eu creo máis ben que cerramos os ollos por ese simple feito de non ver, ou sexa, ollos que non ven, corazón que non sente. É dicir, non sentir o medo. Todo se basea no medo.


Aínda que, eu, nunca lle tiven medo ós dentistas. Precisamente pola anestesia. Mentres haxa anestesia, non hai dor. Mentres non haxa dor, todo vai vento en popa. Sempre me molestou, iso si, a saliva esa que xera a boca e que semella que te afoga. Así como tirarse moito tempo coa boca aberta. Acaba cansando. Tamén acabo con dor de mans. E que terá que ver as mans coa boca? A tensión! Aperto os puños de tal forma que non tardo en notar a dor. Por medo?

Abre a boca. Cerra a boca. Abre outra vez. Masca no plástico. Freta no plástico. Enxauga a boca. Abre a boca. E notas os instrumentos. E oes os utensilios. E miras para o teito. Aínda que a maioría do tempo os ollos estean pechos. Por medo?


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 5 de novembro de 2025

miércoles, 5 de noviembre de 2025

BAIXO O INFLUXO DA LÚA VELLA


Candil que se apaga. Escuridade que asoma. Lúa vella. Coa lúa vella os lobos oulean. En algún lugar, alguén pasa amodiño. Noutro, alguén senta. Tinta azul que esvara por un papel que xa non está tan branco. Nostalxia dun tempo que foi. O tempo é o que pon a cada un no seu sitio. Aínda que hai moitos que non saben onde están, nin onde viven. Viven por vivir.

Feixe de palla. Reata que ata, que amalloa os feixes. Pinallo de carro. Rabela do arado. Galiñeiro, agora mesmo, baleiro. Cortello de porcos. Xeada de inverno. Caldada de pote. Pote na lareira da señardade. Hai xente que asubía onde ten que cantar. Hai lobos que oulean cando ten que oulear. Eles saben moi ben cando teñen que oulear... baixo o influxo da lúa vella. Hai lúa vella no ceo molgués.


Fachuzo que alumea. Claridade na noite. Aira en silencio. Do canastro só queda o esqueleto. A memoria, ás veces, é efémera. A alegoría é a representación dunha idea abstracta, unha acción moral, onde de ordinario cada elemento representativo corresponde a un elemento da idea representada. É dicir, un símbolo, un emblema, unha insignia, unha imaxe, unha iconografía. Ou sexa, que todo foi, todo é e todo será.

Verbas sisudas non queren testemuñas. Como se alegra o corvo do que fai o lobo. De alcalde a verdugo mirade como subo. A troita e a mentira, canto maior, tanto mellor. Quen con lobos anda a oulear aprende (hai moito tempo que ouleo). A formiga foi mexar ó mar e dixo que era unha axuda. Non hai refrán vello que non sexa verdadeiro. Segue a lúa vella sobre a miña cabeza.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 4 de novembro de 2025

martes, 4 de noviembre de 2025

AS PRÉSAS TAMÉN MINGUAN


Baixo un manso silencio, Lourenzo Cougil Dumas estaba a pasear pola rúa Bugallal de Baños de Molgas. Pasos curtos e lentos. O tempo das súas présas xa pasara. A idade trotara como cabalo de batalla pola súa existencia. O seu ritmo, agora, que remedio, era pousado, alguén pensaría incluso que con pachorra, pero non; non daba para máis.

A Lourenzo chamábanlle O Santiagués. Nunca foi nin nunca viviu en Santiago. Puxéranlle o alcume polos contos, polos cómics de El Capitán Trueno. Este personaxe, ó entrar en batalla sempre exclamaba “por Santiago y cierra España”. Lourenzo Cougil prendeuse desa apostila que, sabíase que máis cedo ou máis tarde, algún alias sairía de aí. A xente do rural, desa mal chamada Galicia profunda, tamén é lista.


Así mesmo era normal (e é normal) que cangue coa saca porque, aínda hoxe, a 50 ou 60 anos das súas lecturas infantís, de cando en vez ou mesmo moi a miúdo, solta o famoso “por Santiago y cierra España”. Por certo, as únicas palabras en castelán que pensamos que usou e usa na súa vida. Le en castelán, mais falar sempre falou en galego. Sempre. Mesmo naqueles anos nos que, na escola e no colexio de Os Milagres, o obrigaban a facer uso do castelán. El non, el seguía coa súa teima e non había maneira; nin tan sequera cando a regra do mestre caía con forza sobre as súas mans. En Os Milagres, os curas xa o deran por imposible.

O Santiagués vai e vén pola rúa do Bugallal. Cando cansa senta nunha pedra, nun mazadoiro posto ex profeso para el. Foi el mesmo quen o colocou ó notar que as súas présas minguaban.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 3 de novembro de 2025


Foto: Rúa Bugallal (Baños de Molgas - Ourense)

lunes, 3 de noviembre de 2025

OÍDOS XORDOS A CERTAS ARENGAS

 

Comenta por aí algún xornal de que a xuventude é máis de dereitas ca nunca. Incluso máis da extrema dereita. Desde que o mundo é mundo, a xuventude sempre foi, sempre fomos un pouco rebeldes. Sempre quixemos facernos oír e sempre quixemos que nos visen. Despois, co paso do tempo, domamos as ansias. O peor é ata que chega ese despois.

Nese intervalo a súa rebeldía pode custar cara. Penso que por un pouco de ignorancia (a que tivemos todos polo paso da adolescencia), por non saber o que realmente significa ser dos extremos políticos.

Non son un entendido na materia, pero sempre se me vén á cabeza a posguerra. Máis incluso que a propia Guerra Civil. Nunha guerra é certo que hai medo, dor e mortes. Pero polos dous bandos. Mentres que nunha posguerra segue o medo, a dor e as mortes. Pero só por un bando, polo perdedor. O medo é máis medo. A dor é máis dor. E as mortes son máis arrepiantes, polo mero feito de que te negas a entendelas, de que estean a suceder a esgalla, sen practicamente motivo e sen guerra por medio.


A xuventude debería repasar con sosego e algo máis de interese o que realmente aconteceu na nosa posguerra. E que faga un pouco oídos xordos a esas arengas que algúns soltan en mitins e redes sociais. Sempre hai xente que ten moita labia, moita verba e, nun amén, convence ó máis ignorante, ó máis leigo.

Que teña moito coidado, moito sentidiño ante certas accións que, máis tarde, xa non vale de nada o arrepentimento. Antes de actuar que lembren que aquí houbo cunetas cheas de mortos, paredóns ensanguentados, topos nos faiados e medo, moito medo na inmensa maioría dos fogares.


Finca Fierro. Barbadás. Luns, 3 de novembro de 2025

domingo, 2 de noviembre de 2025

CHOVE DE MOITAS MANEIRAS


Chove sobre o asfalto xa mollado; negro. Chove sobre os coches que pasan e os que están aparcados; brancos e negros, azuis e vermellos. Chove sobre mollado. E sobre a conciencia duns cantos. E sobre a culpa doutros tantos. Chove sobre a flor do toxo, sobre o raíl do ferrocarril, sobre a memoria dos recordos, sobre os recordos dos mortos... os paseados, os fusilados, os deixados nas cunetas, os empurrados nas pontes, os esnafrados contra os penedos. Chove miudiño, ós cachos; e forte, ós momentos.

Chove sobre a canella da melancolía e sobre a corredoira da nostalxia. Chove pola banda de Laíño e pola banda de Lestrove, pola beira do Arnoia e pola canle do Muíño. Chove sobre os avións e os paxaros, en silencio e con ruído, pola mañá e pola tarde, sobre a memoria palestina e a lembranza ucraína.


Chove en soidade e arroia sobre o barullo. Chove para abaixo e rebota para arriba. Chove sobre un asubío morriconiano e sobre unha pelve rocanrroliana, sobre os ruxerruxes e sobre as carraxes abertas, sobre os axóuxeres e as actuacións incertas. Chove frío. Chove medo. Chove tempo. Chove tristura. Chove gargallada. Choven bombas e guerras. Chove desde a inercia dunha nube negra.

Chove sobre os disfrazados no Samaín (para os tortos) ou Jalogüín (para os entendidos). Choven palabras, e saloucos, e latexos, e sentimentos, e berros, e ouleos, e cruces, e calvarios, e mortos, e enterros, e retrancas, e máis berros. Chove de moitas maneiras.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 31 de outubro de 2025


Foto: Á beira do río Arnoia (Baños de Molgas - Ourense)

sábado, 1 de noviembre de 2025

SILENCIO E IMPUNIDADE


O 3 de novembro de 1979, hai 46 anos, unha pequena cidade de Carolina do Norte converteuse no escenario dunha das traxedias políticas máis violentas do século XX en Estados Unidos. Ese día, nun barrio obreiro de Greensboro, membros do Ku Klux Klan e do Partido Nazi Americano realizaron disparos contra unha manifestación política organizada por activistas de esquerdas. O resultado: cinco mortos e once feridos, todos militantes do Partido Comunista dos Traballadores (CWP).

A protesta, convocada baixo o lena “Morte ó Klan”, buscaba denunciar o aumento presencial de grupos racistas no estado e defender os dereitos dos traballadores téxtiles, a maioría deles afroamericanos. Porén, o que tiña que ser un acto de denuncia transformouse nunha emboscada mortal.

As cámaras de televisións locais amosan a caravanas de automóbiles achegándose ó lugar do mitin. Dos vehículos baixaron homes armados con escopetas, pistolas e rifles. En cuestión de segundos, desenvolveuse unha chuvia de balas. Entre as vítimas atopábanse cinco dos máis coñecidos militantes comprometidos coa xustiza social e a loita sindical.


O máis arrepiante chegaría despois, cando, e a pesar das probas fílmicas, ningún dos asasinos acabou condenado en tribunais estatais ou federais. Dous xuízos (un en 1980 e outro en 1984) acabaron con absolucións. Os xurados, na súa maioría brancos (faltaría máis), aceptaron os argumentos de “defensa propia” esgrimidos polos acusados. O fallo desatou indignación en todo o país e reavivou o debate sobre o racismo estrutural dentro do sistema xudicial ianqui.

Os sobreviventes denunciaron durante anos a complicidade das autoridades policiais, sinalando que a policía local fora advertida de posibles ataques, pero mantívose deliberadamente ausente durante o tiroteo. Investigacións posteriores revelaron que informantes do FBI e da policía estatal estaban infiltrados, tanto no CWP como no Klan, o que dá a entender que o Estado coñecía de antemán os riscos do enfrontamento.

Durante décadas, a masacre de Greensboro permaneceu na sombra da historia oficial. Non foi ata principios do 2000 que un grupo de cidadáns impulsou a creación da Comisión da Verdade e Reconciliación de Greensboro, inspirada en procesos similares en Sudáfrica. O seu informe final, publicado en 2006, concluíu que o ataque fora “planeado, evitable e facilitado pola pasividade do Estado”. O silencio e a impunidade poden ser tan mortais como as balas.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 1 de novembro de 2025