Se o penso friamente, profundamente, mesmo filosoficamente -aínda que nunca fun moi amigo da filosofía-, o ser humano só ten dous cometidos nesta vida: mandar e obedecer. Os que mandan son os menos e os que obedecen, de caixón, os máis. Pertenzo a estes.
Ide pedir unha cita médica. Imos. Ide cavar unha leira. Collemos o sacho na palleira, botámolo sobre o ombreiro e imos. Fregade os cacharros. Que remedio. Facede as camas. Alá estiramos as sabas. Ide alá arriba e, cando cheguedes, baixade. Subimos e baixamos. Como debe ser.
E obedecemos sen rosmar. Non sexa o demo que... E seguimos baixo o xugo dos que mandan, que, ademais, estes, como saben da nosa obediencia, da nosa submisión, aproveitan. Vaia se aproveitan. Pedide unha autorización sanitaria. Pedímola. Pillade algo no súper. E no algo hai que medirse, non vaia ser o demo que collamos o que non era.
Algunha vez quixen mandar e non houbo maneira. Que por que non o fas ti ou, simplemente, faino ti. Nin os animais me obedecen! Case me dá por pensar que non sei mandar. Asegureino sempre. E ante iso, non queda outra que obedecer.
Mandar e obedecer. Gravade esta canción. Toca gravar. Asubiade este tema de Morricone. E imos polo monte ou polos atallos asubiando “o bo, o feo e o malo”. A maioría tan só somos o feo... e o obediente, o dócil, o disciplinado: asubiamos ese tema. Mandar e obedecer. Hai que ir ó colexio. Imos. Hai que traballar. Traballamos. Hai que vivir. Vivimos. Aínda que, iso si, mandando e obedecendo. Máis ben obedecendo.
Rooster Café. Ourense. Luns, 30 de setembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario