miércoles, 26 de febrero de 2025

A CULPA É DA INFANCIA


Boteime ó monte a cazar saltóns. Mellor, ós lameiros; máis en concreto, ós dous lameiros que o Trono ten nos Lamas. Non sabía que facer nesta tarde soleada e acordeime da pesca e da cana de pescar, a que teño parada e colgada na palleira. Ó lembrar a cana foi coma se vira o anzol e tamén foi coma se o vira baleiro. Non quedaba outra que meterlle cebo. Para coller bichos no río, a auga aínda estaba fría. Para cazar moscas, estas aínda se atopan en hibernación. Quedaban os saltóns.


Collín camiño do lameiro do Trono. Levo un par de horas detrás dos saltóns e non vexo ningún. Seguro que aínda é moi cedo para que anden ó seu albedrío. Ó pouco tamén caín na conta de que non son pescantín. O da cana viña da infancia, de cando, por tan só unha vez, pesquei peixes nas pozas da Tapada dos Ferreiros, no monte Medo. Que nin alí a usei tampouco, xa que os peixes andaban á de riba por culpa da seca e collíanse perfectamente coas mans. Os pobres boquexaban de tal maneira que ata me daban pena.

Aínda non sendo pescantín nin habendo saltóns, eu seguín dálle que dálle na súa procura. A testán non hai quen me gane. Trepei todo o lameiro, os dous lameiros (só os separa unha caldeira de pouca máis dun metro) e nin rastro de saltóns. Case me dixen que me quedaba a opción de poñer de cebo unhas flores de toxo e ir ás ras en vez dos peixes. Tampouco vin ras. Puto tempo este! Polo frío, digo, e aínda que a tarde estea soleada. Non me desgustei moito polo detalle de que non son pescantín. Nin sequera de ras. A culpa é da infancia.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 25 de febreiro de 2025


Foto: Lameiro dos Lamas (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario