Deixo caer unha carabuña, unha semente de esperanza a ver se xermina, se agroma e brotan froitos de realidade. A esperanza é o cabalo de batalla que nunca se rende. É o sorriso que asoma e a gargallada que chouta. É o soño esperto e a conciencia bailando ó ritmo dun latexo. É a carreira que nos leva ás leiras de trigo. É o silencio no que crece un pequeno ruxerruxe de anhelos e desexos e degoiros e devezos e ansias e cobizas. A esperanza é o afán, a ambición de recuperar o perdido.
O que se perde, se se busca, atópase. Non queda outra que buscar polas cores do arco da vella, polas pingas de suor ante certa ansiedade, polos balcóns que dan á posta do sol, polas canellas que baixan coa señardade ás costas, polas algarabías nas que pode haber o amén dunha pausa e polos espellos nos que o reflexo dunha realidade amosa o poder de toda unha figura sinfónica, celestial e auténtica.
Rego a esperanza mentres sigo buscando por ese universo sen fin as ladaíñas diarias, os réquiems polos asuntos perdidos e os instantes nos que todo foi, nos que todo aconteceu. E toda a ecuación xunta irá o recanto máis útil da memoria para, nun alustro, buscar e recordar.
Buscar e recordar é como analizar e coser e xunguir e atar esa esperanza para que non se volva efémera, para que non se sinta estraña ou rara. A esperanza será sempre o clímax da ansia. Onde hai ansia hai esperanza. Onde hai vida hai esperanza. Onde hai agarimo hai esperanza.
Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 5 de febreiro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario