Contraio o estómago. A bile sobe polo peito arriba. A tarde cae baixo o ímpeto, a forza dunhas nubes negras que ameazan chuvia. O silencio impera e a melancolía é o pracer de estar triste. Cada quen que aguante a súa vela. Cada un que faga o que queira na súa espera. Eu, nas miñas, penso ou soño, soño ou penso que máis alá das estrelas aínda hai máis señardade que neste instante de silencio.
Contraio o estómago e, nun amén, podía botar os demos que levo dentro. Mellor, deixalos durmidos, a ver se por un casual non espertan nunca. Oxalá non espertaran nunca. Aínda que, ás veces, é máis que complicado dominalos, telos acochados, por moito que se diga que é bo deixar escapar a tensión que levamos dentro. Tal presión, tal estrés pode volverse infernal. Si, mellor que sigan durmindo.
Contraio o estómago e fago de tripas corazón para buscar un anhelo, unha esperanza que, esta si, sei que está esperta, ou como moito durmindo a sesta. Sesta de realidades case imposibles, pero precisamente ese case é o que deixa que a esperanza esperte para que os desexos sigan e as ansias se conserven intactas. Agora cada quen que marque o paso das súas ambicións, das súas aspiracións.
Contraio o estómago e confío en que esta tarde tristeira, melancólica e chea de silencio —aínda que a música dunha banda sonora rache este—, siga co seu ritmo vital e que os demos durman nunha paz soñada, desexada, imaxinada, inventada, figurada e bonita, moi bonita.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 1 de febreiro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario