jueves, 13 de febrero de 2025

PARVOS E PAIOLOS


Chameille paspán a un que estaba de pasmón no tellado dun canastro da Aira de Arriba de Baños de Molgas. Miroume de esguello e, con desgana, díxome que estaba a contemplar os biosbardos. Rinme del, claro. Quen contempla hoxe os biosbardos! Eu, como moito, ergo a mirada ó ceo e vexo como pasan os avións e como voa algún que outro vencello. Sempre fun home de mirar para o ceo. O veciño do tellado do canastro nin el mesmo sabe moi ben para onde mira, por moito que diga dos biosbardos.

Como non quixen que o asunto fose a maiores, máis alá da tÍpica risa que deixara caer, optei por falarlle da media sombra que me asombra. Agora foi el o que se riu de min. Seguro que foi porque estaba chovendo. Recoñezo que metera os pés polas mangas falando da sombra. Sen sol non hai sombra, pensei polo baixiño. Chovía sobre a Aira de Arriba e... sobre as nosas cabezas.


Ó final acabamos en boa harmonía falando dos palleiros de palla, de cando se instalaban nesa aira e de cando chegaba o momento das mallas. Estabamos a poñernos tan sentimentais que non tardou en asomar outro veciño para insinuar que eramos uns parvos e paiolos por recordar tempos que xa eran de moito máis alá do pasado, de cando os corvos voaban baixo e os toxos non picaban. O dos toxos, nin un nin o outro o entendemos, pero non dixemos nada para non semellar aínda máis apaiolados.

O primeiro veciño baixou do tellado do canastro, díxome adeus e, ó segundo veciño, soltoulle aquilo de “bícame no cu que teño paxariños” e marchou a todo correr. Eu rin, como non ía rir!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 12 de febreiro de 2025


Foto: Canastros na Aira de Arriba de Baños de Molgas (Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario