Quixen solicitar un cambio de sentido na miña vida, pero axiña me dixen que para que. Co ben que estou así. Sen facer nada. Vendo pasar a vida, contemplar as obras coma os xubilados. Non, non estou xubilado. Teño a idade de Xesucristo e vivo como Deus. Á conta dos pais, claro. E a vivir que son dous días!
Para que quero máis: crebar a cabeza, suar a gota gorda, agachar o lombo... Vivo ben. Que máis quero. Cando me apetece, leo un libro, ou boto unha sonada, ou vexo unha película, ou saio de paseo, ou vou tomar algo, ou inicio un parladoiro con calquera veciño.
Meus pais non son ricos, non. O que pasa é que... mentres me aturen, mentres me dean de comer, mentres me fagan a cama, mentres me vistan, mentres non se metan comigo... a vivir, que a vida é curta!
Meus pais puxéronme de nome Josué. Os amigos, para abreviar, din tan só Josu. E sei que algúns me chaman O Tranquilo. Será porque non me poño nervioso para nada. Vou de aquí para alá (cando vou, xa que estou máis tempo tombado que indo) con tanta galbana que ata un sapoconcho é máis rápido ca min. Por certo, no transcorrer diario, os pais optan por chamarme neno. Neno isto, neno aquilo. Neno riquiño. Neno tranquilo. Neno bonito.
Definitivamente, para que vou cambiar de sentido a miña vida? Xa quixeran moitos vivir como vivo. Mirando como voan os paxaros e esperando. Contemplando os biosbardos e esperando. Estar a velas vir e esperando. Así, durante 33 anos.
Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 24 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario