Non somos ninguén, adoitan dicir algúns. Si que somos. Ou polo menos somos algo. Somos po, que foi o que lle dixo Deus a Adán, segundo o Xénese 3:19. Tamén somos corpos que imos e vimos polos confíns da existencia. Somos o vento que zoa e o fouciño que manca. Somos un parladoiro político barato e unha intelixencia que vai máis alá da propia sabedoría.
Somos eses seres que corremos, e choutamos, e rimos, e miramos de esguello, e bailamos, e cantamos, e vivimos. Tamén matamos e gozamos facendo dano, e torturamos, e non nos importa cometer xenocidios, e deixamos que se cometan, aínda que, iso si, protestamos, simplemente protestamos.
Somos o ruído e a furia, o silencio e a pachorra, o ladrido do can e o ouleo do lobo, a almofada na que desexamos a calma e a miseria na que derreamos a alma, a banda sonora de Morricone e o rock and roll de Elvis. Somos o berro cando berramos. E berramos rexo, e berramos con xenreira, e berramos ata forzar a gorxa. Berramos forte para que paren as guerras. Uns cantos (ou de máis) berran baixiño polo mesmo.
Somos a cuadratura do círculo e o acaneadoiro dos astronautas, a liña recta e o obstáculo no camiño, a pinga de orballo e a folla dunha verza. Somos o berro seco e o verso solto, o silencio no silandeiro e a morriña na broza, o nobelo de la e a costureira desenrolándoo. Somos o espírito maligno porque levamos o demo dentro e a alma caritativa porque, ás veces, remórdenos a conciencia. Somos os proles e os contras, as vantaxes e desvantaxes. Somos algo, pese a, moitas veces, non ser ninguén.
Café Brétema. A Valenzá. Venres, 12 de setembro de 2025
Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 14 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario