Resucitei de entre os cascallos. Non, non estaba morto; simplemente, enterrado. Agora que, a culpa foi miña. Por estar na casa. E mira que digo e predico que a min non me collerá dentro. Por iso sempre intento andar de can. Mais tivo que chegar o momento no que me pillou.
Escoitei un ruído moi forte. Pensei que fora algún choque, algunha colisión de coches. Pero ó momento xa notei como me tremían os pés. Que digo!, como me bailaban. Non me quedou outra que pensar nun terremoto e na edificación. Non tiven tempo para pensar máis. Só vin como todo se me viña enriba. Non me encomendei a ninguén porque si tiven tempo de pensar no meu raro ateísmo e quixen facerme o chulo, o valente: non soltei nin un lamento. Nin berrei, ai mamá! Que pensará, a pobre.
Sinceramente, pensei que morría... esmagado, estrullado, machucado. Que ten que ser unha morte cruel. Digo ten que ser porque tiven a sorte de que tan só se me fixo unha rabuñadura no brazo dereito. Quedei enterrado nun oco suficiente como para quedar libre de mancadelas e con bastante aire para seguir vivindo ata que alguén me rescatase.
Non precisei de ninguén. Eu mesmo, pedra a pedra, táboa a táboa, pontón a pontón, cascallo a cascallo abrinme camiño cara á liberdade, cara á vida. Ata que resucitei de entre os cascotes. Agora penso se a miña sorte estivo precisamente en non encomendarme a ninguén. Porén, a mellor solución é a de que non me pillen noutra. En principio, xa saio de can.
Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 17 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario