O mundo está perdido. Politicamente aínda máis. Feijóo declara que elaborará un libro branco para o medio rural. A min o concepto de libro branco xa non me cadra. É dicir, que estará en branco, que non quedará nada escrito. Non me estraña: desde que o mundo é mundo, ou sexa, primeiro cunha ditadura e, logo, coa maioría dos mandatos democráticos baixo a batuta do PP, ou sexa, do partido de Núñez Feijóo, o medio rural foi de mal en peor. Como que vai arranxar agora o que eles mesmos desfixeron. Un libro branco que, por suposto, quedará en branco. Se por un casual se escribe algo, seguro que queda tan esborranchado que mellor sería que quedase, si, en branco. Feijóo sempre quere tomar medidas sobre os seus propios erros.
Como un dos puntos nos que tratou ante a Xunta Directiva Nacional do Partido Nacional, referente ó uso partidista da televisión pública, en clara referencia á española e por parte dos socialistas. Xusto ó dicir iso véuseme á cabeza a exclamación: “Si, como a TVG!” O da Televisión de Galicia é algo que xa vai máis alá de clamar ó ceo. Aquí hai moito máis uso partidista que na nacional (que recoñezo que o hai, porque os medios de comunicación públicos sempre irán con quen goberne).
Como se ve que estou en plan politiqueiro —sen entender un carallo de política—, direi que o das manifestacións propalestina versus Volta Ciclista a España, entendo ás dúas partes, pero recalcando, iso si, que se fósemos persoas, se tivésemos conciencia, tiñamos que manifestarnos por todo o mundo, paralizando todo o que se puidese paralizar (xa que os políticos e demais países non a rañan) con tal de parar ese xenocidio en Gaza. Que os das dereitas non intenten poñerlle peros, nin con Eta, nin con Hamás, nin con rabo de gaitas... é un xenocidio puro e duro. E hai que paralo. Como sexa.
Café Kibu. A Valenzá. Luns, 15 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario