A cabeza non para. É o slogan ou frase escrita sobre a tapa do caderno co que inicio unha nova andaina de relatos para esta sección. Caderno co que me agasallaron os rapaces o Día do Pai. Dubidaba en se fora nese día ou no do aniversario, pero como sei que deste, do aniversario, non se acordan ningún ano, é polo que case aseguro que foi o Día do Pai. Eles non me len, pero saben que escribo, que gasto cadernos e bolígrafos a darlles cun sacho. E así tamén van sobre seguro.
A cabeza non para. A verdade é que nunca parou e non teño intención de que pare. Non vou quedar contemplando os biosbardos mentres tomo o café. Salientar que practicamente todos os meus pingas escribíronse baixo o sabor e a compaña do café. Certo que, antes de sentarme á mesa da cafetaría, e principalmente polo atallo polo que vou, os tales pingas xa están medio planeados. Ademais, como case sempre ando ás présas (o rápido de Bouzas), non espero a buscar tema, arroutada, invento, realidade e que se me bote o tempo encima. Non sería a primeira vez que tería que rematar un relato na casa ou outro día noutra cafetaría. Así é que, mellor, levalo planeado. Para non perder tempo.
A cabeza non para. E intento darlle a todo; mesmo á política, por moito que diga que non me gusta nin a entendo. Intento escapar un pouco do fútbol porque, como é algo que si penso que domino, estaría todos os días dálle que dálle, e tampouco é plan. Entre o non saber e o saber de máis, teño que furgar polo medio con... algo de todo. A vida tamén é iso, un ir e vir pola existencia de cada un, con cousas boas e malas, con atrancos, con esperanzas, con felicidade, con dor e sufrimento...
Café Brétema. A Valenzá. Martes, 16 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario