sábado, 20 de septiembre de 2025

A VERDADE DE BENTALHA


Como segue de actualidade o xenocidio israelí, no que milleiros de seres humanos son asasinados máis alá dos ¿centos? de terroristas de Hamás, hai que salientar que, por desgraza, moi a miúdo ocorren exterminios ou masacres nas que morren, por suposto, os máis inocentes. Hoxe, aí sobre ás once e media da noite, cumpriranse 28 anos da masacre de Bentalha.

A noite do 22 ó 23 de setembro de 1997, a pequena localidade de Bentlha, nos arredores de Alxer, quedou marcada por unha das traxedias máis sanguentas da década negra de Alxeria. Durante horas, homes armados irromperon na aldea, executando a centos de habitantes sen distinción de idade nin xénero. As cifras oficiais falaron dunhas 200 vítimas, pero as testemuñas dos sobreviventes elevaron o número a máis de 400.


Batalha era entón unha comunidade humilde, arrodeada de campos e de difícil acceso. Esa noite, os atacantes chegaron cara as once e pico, vestidos con uniformes que algúns veciños describiron como similares ós do Exército. Portaban armas automáticas, coitelos e machadas. Casa por casa, arrastraron a familias enteiras e asasináronas cunha brutalidade que abraiou ó país enteiro. Fálase incluso de que se esmagaron bebés contra as paredes.

O ataque formou parte dunha serie de matanzas colectivas que azoutaron a Alxeria en 1997, en plena guerra civil entre o Estado e os grupos islamitas armados xurdidos tras a anulación das eleccións de 1991. O Grupo Islámico Armado sinalouse como o autor da masacre. Emporiso, a pasividade do Exército, aloxado a escasos metros do lugar, alimentou sospeitas sobre posibles complicidades ou, ó menos, neglixencias deliberadas.

Os sobreviventes relataron que pediron auxilio desesperadamente mentres se escoitaban disparos e berros. As forzas de seguridade non interviron ata a madrugada, cando os atacantes xa abandonaras a zona.

A día de hoxe, a masacre segue a ser un tema sensible en Alxeria. A narrativa oficial insiste en que se tratou dun crime terrorista, pero persisten voces críticas que piden esclarecer as responsabilidades do Estado. Para moitos, a verdade de Bentalha segue enterrada entre os cascallos daquela noite fatídica.

Máis dun cuarto de século despois, esa aldea encarna non só o horror da violencia indiscriminada, senón tamén a dificultade dun país para afrontar a súa propia memoria. A masacre foi un espello do sufrimento de toda unha nación atrapada entre a represión estatal e o extremismo armado.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 20 de setembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario