Pasou coma un lóstrego. O que? Pois non o sei dicir. Non sei se era unha imaxe, se era unha foto, se era un obxecto, se era unha sombra. Xa digo, coma un lóstrego. Visto e non visto.
Nesta vida hai que estar atentos, á espreita. Para todo. Como te despistes, xa non hai volta de folla. Xa todo pasou e a escuridade pode apoderarse da luz, o lobo da ovella e a dor da pena. Como na franxa de Gaza, onde hai dor e quedará xa para sempre a pena.
Definitivamente, non temos conciencia. Estados Unidos e Israel queren repartirse o botín. Un botín que se obterá a causa de nenos mortos. Polas bombas. Pola fame. A primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, dixo que Sánchez lle aplaudiu ós vándalos, ós algareiros (pola manifestación na última etapa da Volta Ciclista a España). Polo que se ve, ela apláudelle ós asasinos que cometen xenocidio. A Ayuso esa e os seus achegados non recoñecen tal xenocidio. Bailan unha danza temaní sobre os nenos e os cascallos de Gaza. A ONU e os países occidentais condenan, condenan e condenan, pero lavan as conciencias con escusas baratas.
Si, ó mellor é esa conciencia a que pasa coma un lóstrego para que non nos anoxe a existencia. E disimulamos con algunha declaración ou con algún pequeno castigo económico sobre Israel para poder seguir durmindo a perna solta e coa conciencia tranquila. Moi tranquila.
Pasou coma un lóstrego. Ó final poida que fose esa sombra que cobre toda Gaza. Para que non vexamos con claridade o que está a pasar nesa franxa. Mentres, entre declaracións e presuntas accións, o botín está ó alcance dos ianquis e do seu fillo putativo israelí. E acabaremos bailando sobre as tumbas dos palestinos.
Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 18 de setembro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario