sábado, 6 de septiembre de 2025

O DÍA 8 É O DÍA 8


Día 8. Hai doce días 8 en todo o ano. Para Baños de Molgas e para toda a súa contorna tan só conta o día 8 de setembro. Este día, para os medios de comunicación e para a xente de fóra, poida que sexa coñecido como o día grande das novenas de Os Milagres, como o día da Virxe de Os Milagres, como o día solemne de Os Milagres, como o día da Natividade de Virxe María e como o día que vós lle queirades chamar. Porén, para Baños de Molgas e a súa bisbarra é simplemente O Día 8. Cando dicimos o día 8 estamos a dicir todo iso que dixen. Imos á misa o día 8. Vai chover o día 8. Vémonos o día 8. Iremos andando o día 8... E xa todos sabemos que é o día 8 de setembro, o día máis importante do ano no santuario de Os Milagres.

O Día 8 xa non é como era. Dicir Día 8 antigamente era dicir, máis que a propia misa, a romaría; máis que a romaría, a comida. A comida do día 8 desenvolvíase sempre pola redonda do santuario, xeralmente entre os piñeiros e con ducias de burros atados a aqueles. A comida do día 8 empezaba xa un ou dous días antes. Como era unha comida especial había que acender o forno comunal para facer as empanadas e o roscón. O roscón quizais fose ó mellor a única vez que se comía en todo o ano, xa que os ovos vendíanse, o azucre estaba prohibitivo e non estaban os tempos para festas cada dous por tres, nin tan sequera para de cando en cando.


Co manxar xa preparado, cargabamos este nas alforxas do burro e, ale, camiño a Os Milagres por unha estrada chea de terra que, cada vez que pasaba un coche dos poucos que había naqueles anos 60, a poeira era tan grande que chegabamos ó santuario coma se andásemos na seitura. Colliamos posesión do sitio, do recuncho e, ou ben quedaba un da familia de garda (o que o libraba de ir á misa e á procesión), ou, maioritariamente, se lle dicía a algún veciño deses que se sabía de antemán que, para eles, a misa nin arre nin xo.

Rematados os actos relixiosos, comezaba o celme do día 8, o xantar ó aire libre en compaña de familiares, de achegados e mesmo de veciños. Os adultos, ó rematar, daban unhas cabezadas sobre as mantas tendidas no chan e, os nenos, marchabamos ás poucas atraccións que había para, iso si, estar a velas vir, pois non había con que pagar tales pasatempos. Como moito, nas barcas, se fallaba algún ou se había moito peso nun lado, entón chamaban a algún dos que estabamos a velas vir para facer contrapeso. Eran outros tempos. Aínda así, O Día 8 segue a ser O Día 8.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 6 de setembro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario