De que me vale esbardallar contra Donald Trump se acabo por ser un asalariado seu máis? Acaba de contratarme para que mate marcianos e todo extraterrestre que se me poña por diante. Ó contratarme díxome polo baixiño que na Terra xa non lle quedaban obxectivos que bombardear. Dubidei moito en aceptar tal envite... pola xenreira que lle teño e polo feito de matar por matar.
Por que acabei aceptando? O reto de saír ó espazo era enorme. Sempre foi unha das miñas debilidades. Perderme por esa inmensidade cósmica foi algo co que sempre soñei. Agora confío en que, para evitar o de matar por matar, non asome ningún extraterrestre diante miña. Non quixera matar a ninguén, nin de aquí nin do infinito e máis alá. E moito menos marcianos. Que carallo, ante a inmensidade do universo, pódese dicir que os habitantes de Marte son veciños. Sempre tiven en moi bo concepto as veciñanzas... terrestres e cósmicas.
Como xa non hai volta atrás (un contrato é un contrato e a miña palabra vale moito máis que Trump e que todos os contratos xuntos), non perdín tempo con elucubracións: marchei ó faiado a descolgar o traxe de astronauta que, o pobre, tiña tanta voaxa, tal poeira encima que case nin o recoñezo. Para non perder tempo indo a Cabo Cañaveral, marchei ó Outeiro do Corno para, desde a pista das avionetas da Chaira de Vide, despegar con destino a Marte e a onde cadrase. Na viaxe terei tempo de abondo para rezar (á miña maneira) que non aparezan nin marcianos nin ningunha clase máis de extraterrestres. E que Donald Trump se quede coas ganas. Xa lle chegou ben o que bombardeou.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 11 de xaneiro de 2026
Foto: Chaira de Vide (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:
Publicar un comentario