Ela chámase María Corino Machado. Ela é a principal líder da oposición ó chavismo. A ela déronlle o premio Nobel da Paz. Ela quixo compartir tal galardón con Donald Trump. Este, Donald Trump, é o presidente de Estados Unidos. Este, Donald Trump, leva tempo ansiando, ambicionando, anhelando, arelando, cobizando, degoxando, devecendo e desexando o premio Nobel da Paz.
Hai uns días, ela, María Corino Machado, compartiu con el, Donald Trump, o premio Nobel da Paz... “en gratitude polo seu extraordinario liderado para promover a paz”. El, Donald Trump, bombardeou o país dela, de María Corino Machado. El, Donald Trump, puxo en boca dela que “ninguén na historia merece este premio máis que vostede”.
O esperpento acada tal dimensión que un xa non sabe se rir ou levar as mans á cabeza. Entendo —ou trato de entender— que tal merecemento deberá responder ós continuos bombardeos que, el, Donald Trump, realizou non só sobre Venezuela, senón sobre varios países máis, xa debidamente enumerados noutros Pingas de Orballo. Quizais sexa o meu entendemento o que queda curto, ou aparvado, ante a actitude dela, de María Corino Machado. Quizais sexa eu quen non acada a discernir tan elevada postura, tan refinada concepción da paz por parte dunha suposta premio Nobel.
Compre lembrar que o premio Nobel non pode ser revogado, compartido nin transferido a outras persoas, segundo establecen as normas do Instituto Noruegués dos Nobel. Diante disto, só caben dous apuntes finais: que, ela, María Corino Machado, saíu do niño e botou a palla fóra —é dicir, saíuse de nai— ou ben, os do Nobel, a ver se escarmentaron algo e o pensan dúas veces antes de outorgar un galardón que, visto o visto, corre serio risco de converterse nun chiste de mal gusto.
Finca Fierro. Barbadás. Luns, 19 de xaneiro de 2026

Efectivamente no tiene sentido lo que hizo, pero cuando puedas haz pingas.... de los asesinatos de Maduro, de todos los presos políticos, de la miseria de Venezuela, tamen se pode contar algo do que está pasando en Iran. Cando un escribe hay que falar de todo
ResponderEliminarO espazo que teño no periódico dá para o que dá. Ademais, se falara de todo, non me chegarían 100 relatos. Porén, nun dos Pingas xa comentei que Maduro era unha boa peza. Non fai falta escribir sobre o que comentas porque xa todos sabemos o que había e o que hai. E o outro está a meterse onde ninguén o chama.
ResponderEliminar