martes, 27 de enero de 2026

MODIFICANDO O PERCORRIDO


Saín da casa con chuvasqueiro e gorra de sol. Ós dez minutos modifiquei o camiño, o traxecto, o percorrido. Tiña intención de coñecer outros mundos, outras terras, outras culturas, outras linguas, outras xentes. Mais retrocedín sobre os meus pasos e deixei caer o corpo sobre o sofá. Desde alí podía contemplar todo iso e aínda algo máis, a base de películas e máis películas.

Cando me canse, optarei polos libros que, se son de fantasía ou de ciencia ficción, tamén me levarán por lugares descoñecidos, aínda por descubrir. Coa lectura podo, ó mesmo tempo, xunguir a música. Sempre haberá temas que me proxecten cara ó infinito e máis alá: David Bowie co seu “Space Oddity”, ou The Beatles con “Across the Universe”, ou Coldplay con “A Sky Full of Stars”, ou mesmo Zoé con “Arrolo de estrelas”, por citar só uns poucos exemplos.


É certo que non é o mesmo descubrir novos mundos por televisión; mais, que carallo, soñar é bonito. E se algunhas imaxes ou lecturas ou sintonías axudan a soñar, que máis se pode pedir? Para que perder tempo. Co ben que se está no sofá: en pixama, con bata ou albornoz e coa mantiña ata o pescozo. E se chove, que chova.

Si, definitivamente, fixen ben en modificar o percorrido. Agora mesmo non teño idade para choutar de planeta en planeta, nin para aprender o idioma klingon ou vulcano, nin para escoitar os ritmos musicais que poidan saír das gorxas rotas dos extraterrestres. Seguro que hai xentes doutros mundos con eivas bocais e físicos esperpénticos. Mellor seguir no sofá.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 27 de xaneiro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario