Cada tolo coa súa. Uns falan da ecuación política na zona do Caribe, outros comentan a velocidade dun meteorito cruzando a tantos miles de quilómetros do planeta Terra e eu analizo o rastro que deixa a lesma cando cruza a carreira dos Agriños, en Baños de Molgas. Tamén hai quen estuda as estrelas sen mirar para elas. Como dicía aquel outro: de todo hai na viña do Señor. O Señor escribímolo en maiúscula para salientar a súa relixiosidade, a súa importancia.
Cada un frite na súa manteiga. Uns corren detrás dunhas lavandeiras ou alindadoras, outros fan voar uns drons polos ceos ucraínos e eu ouleo coma os lobos nas noites máis negras. Quen di oulear, di berrar e que di berrar, di soltar todo o que preme no peito. Ás veces tamén me deito sobre as pingas de orballo que cobren os meus lameiros, principalmente o do Río Vello, tamén en Baños de Molgas.
Cada un anda á cabra cega. Uns queren xunguir a Netanyahu con Trump e a Putin con Kim Jong-un, outros queren asubiar toda unha banda sonora de Hans Zimmer para saber se se pode bailar e eu quero valorar a cuadratura do círculo sobre o taboleiro da esperanza. A esperanza é ese sentimento que fai crer que algo que se desexa pode chegar a realizarse. Será o tempo o que diga se se realizou ou non.
Cadaquén coa súa teima. Uns van en contra do nacionalismo catalán para, ó mesmo tempo, defender o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un nacionalista de moito carallo; outros alucinan con esa incongruencia e eu ríome dos primeiros, dos uns. Nunca tal contrasentido se desenvolveu por estes lares políticos.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 9 de xaneiro de 2026
Foto: Carreira dos Agriños (Baños de Molgas - Ourense)
.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario