jueves, 29 de enero de 2026

EN BUSCA E CAPTURA


Polas horas do mediodía do 8 de xaneiro de 1907 o sol aínda asomaba con pouca forza sobre o outeiro de Brandín, mais a suficiente para espertar con brillo as flores dos toxos. A xeada, caída con intensidade de madrugada, seguía sendo visible nas sombras das formacións orográficas. É posible que aquel día chovese e que as crónicas non o recollesen; con todo cabe supoñer unha xornada climatolóxica benigna, xa que nos primeiros días de xaneiro adoitan imperar máis as xeadas ca as chuvias.

O que si salientaron as crónicas, poucos días despois, foi o edicto do xuíz de instrución de Allariz, don Juan Cereijo Alonso, no que ordenaba a busca e captura de Domingo Antonio Fernández Rivas, de 32 anos de idade, fillo de Manuel e Benita, casado, labrego, natural e veciño de Brandín, concello de Baños de Molgas.


A causa era a comisión dun homicidio, concedéndoselle un prazo de dez días, contados desde a inserción da comunicación no Boletín Oficial da Provincia e na Gaceta de Madrid antecesora do actual BOE, do Boletín Oficial do Estado, para que se presentase nas dependencias xudiciais e procedese ó seu ingreso en prisión. De non facelo, sería declarado en rebeldía, co conseguinte agravamento da súa situación procesual.

Para facilitar a súa busca e captura nun tempo no que a fotografía aínda non era habitual, a descrición física do procesado, de Domingo Antonio, resultaba minuciosa: estatura regular, pelo e ollos negros, barba rubia e afeitada, fronte ancha, nariz e boca grandes, bo color. Vestía chaqueta e chaleco de pano negros, pantalón de pana cor cinsa, camisa de flanela, sombreiro negro e borceguíns de becerro da mesma cor, e empregaba unha manta a cadros de cor café. Mellor ca unha fotografía!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 28 de xaneiro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario