domingo, 19 de abril de 2026

O SILENCIO DO EUME


Había que madrugar, e madrugamos. Había que ir cedo, e fomos. A distancia non era curta. Segundo o Google ese, o destino estaba a 203 quilómetros e cumprirían dúas horas e vinte e sete minutos para chegar. Menos mal que non lle fixemos moito caso e chegamos algo antes.

O destino era as Fragas do Eume, alá por As Pontes, Pontedeume e Monfero. Antes de chegar, paramos á metade do camiño quilómetro arriba, quilómetro abaixo para tomar un café, faltaría máis.

Ó chegar, mochila ó lombo (ó lombo do fillo, enténdase, que fai por tres ou catro do meu) e iniciamos o camiño de san Fernando: un chisquiño a pé e outro chisquiño andando. Escollemos a ruta máis complicada e, seguramente, a máis fermosa: o Camiño dos Encomendeiros, pola marxe dereita do río Eume. O destino final era o mosteiro de Caaveiro.


O carreiro ten o seu aquel, tanto de fermoso como, ás veces, algo esixente: nada, un pequeno treito. A compañía do ruído das augas do Eume era música celestial para os oídos. Lembro que gravei uns segundos da corrente, precisamente para escoitar ese son, e díxenlle ó rapaz que o titularía “O silencio”. Semella unha incongruencia, pero non o é: escoitar ese rumor nese lugar é como a calma, o sosego do silencio.


Chegados a Caaveiro, alí, á beira do mosteiro, deixei caer e botei a voar a memoria e a nostalxia de hai trinta anos. Regresamos polo mesmo camiño. Xantamos uns bocadillos nuns penedos á beira do río. E rematamos a ruta visitando o mosteiro de Santa María de Monfero e o miradoiro da Carbueira.

Pagou a pena ir tan lonxe? Ver sitios fermosos sempre paga a pena. A Fraga do Eume é dos fermosos, fermosos.


Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 19 de abril de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario