viernes, 17 de abril de 2026

SECUNDINO OU A ARTE DE NON DECIDIR


A Secundino Suárez Gutiérrez chámanlle O Indeciso. E con razón. Dubida por todo e ante todo. Agora mesmo tamén dubida: está no medio da pasarela das Mestras e non sabe se pasear pola beira esquerda do río Arnoia ou pola dereita. Leva xa un bo anaco tentando decidirse por unha opción e, indeciso de todo, segue alí, contemplando o leito do río e as súas dúas marxes. Por cal subir?

Unha voz interior dille que se tire ó río e que se deixe de caralladas, que semella máis un paspán ca un home feito e dereito. Pero nin por esas: non lle fai caso á voz interior e dálle que dálle a mirar para as marxes. “Se vou por Disoutrolado, non vou pola Pitediña; e se vou por Entreloríos, non vou pola Porfía”. Con tanta lóxica, o home queda como estaba. Ante tal lío mental, lanza un berro.


Berrar dáselle de marabilla. Berra polo can, polo gato e, se cadra, ata polas almas do purgatorio, por se andan despistadas. Berra de noite e de día, aínda que ó día seguinte xa non ten claro se berrou ou se foi un soño con eco. Mesmo cando os veciños lle din algo ben claro e mascadiño, el torce o fociño e dubida. É O Indeciso, e iso xa non hai quen llo quite.

Nacera nun pesebre, á beira dun becerro, e xa daquela empezou coas súas: nunca tivo claro se o animal era xato ou xovenca. Certo é que cursou estudos superiores, pero non sabe dicir se escolleu letras ou ciencias. Tamén dubida se presentarse a deputado ou a senador, aínda que igual acaba votándose a si mesmo.

Polo de agora, segue no medio da pasarela das Mestras, dubidando se ir por Barricobos ou por Detrás das Poulas. Iso si, sabe que o destino final será Os Milagres. O problema é cando arrincará e por onde lle dará. Porque a este paso, igual bota raíces na pasarela e hai que regalo. Remata este Pingas e O Indeciso aínda queda alí, firme na súa indecisión, que é o único no que nunca dubida.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 17 de abril de 2026

Foto: Pasarela das Mestras (Baños de Molgas)

No hay comentarios:

Publicar un comentario