martes, 12 de mayo de 2026

A VERGONZA DOS PAXAROS


O pardal aterra no respaldo da cadeira. Non tarda en emprender de novo o voo. Os pardais de agora non teñen vergonza ningunha. Nin as pombas. Na miña época de rapaz non se nos achegaban nin a trinta metros. Por medo. Porque sabían que podían recibir un cantazo. Na miña época de rapaz non eramos brutos; simplemente eramos así, a sociedade era así. Agora denúnciante por acantazar algún paxaro. Menos mal que xa nin hai pedras para lles tirar. Nas cidades, digo. Mesmo en moitas vilas. Agora apodéranse de nós o asfalto e o cemento. Non queda un maldito coio.


Agora somos grandes defensores dos animais... e levámolos presos con cadeas e correas. Antes poida que lles zoupásemos un pouco a nós os pais tamén nos mallaban, e aquí estamos, pero eran libres: os gatos andaban á xaneira e os cans botaban días sen volver á casa; andaban de cans, nunca mellor dito. Agora, a uns e a outros, capámolos, castrámolos animalada peor ca unha patada no cu, porque así nos resulta máis cómodo. O desexo e o gozo dos animais, que vaian para o carallo. O que conta é a comodidade do gran defensor dos animais.

Agora as que están, non na cadeira senón na propia mesa da terraza, facendo das súas, son dúas pombas, que aínda teñen menos vergonza ca os pardais. Non é a primeira vez que algunha aterra na miña propia mesa. Non teñen vergonza nin medo. Eu nin me atrevo a espantalas, non vaia ser o demo que me chamen a atención. Antes, a isto, diciámoslle: que nos dean o recado. Os tempos cambiaron: para os animais, para as persoas e mesmo para os ditos e as expresións. Ás veces sería bo que a vida quedase un pouco estancada.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 10 de maio de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario