Orísido Somoza rebentou o silencio cun berro. Cando quería, berraba moito; e cando se cansaba de berrar, ouleaba coma os lobos. Orísido Somoza era medio lobo.
Parírao a súa nai na ladeira dun outeiro de Sudalomba, en Baños de Molgas, porque non tivera tempo de chegar á casa. Cinco minutos antes aínda lle axudaba ó seu home a cargar o carro de toxos que rozaran detrás da lomba.
Orísido Somoza naceu berrando. Todos nacemos berrando, pero os seus berros tiñan unha tonalidade especial: eran secos e estridentes, eran berros de animal. Talvez iso foi o que o arrastrou ós ouleos.
Onde máis berraba Orísido Somoza era nos cumios dos palleiros que enchían as airas da vila. Agora, como xa non hai palleiros —nin airas, que hoxe seica son prazas—, oulea desde os outeiros, coma os lobos. E, para non perder a costume dos berros, sobe de cando en vez ó campanario da igrexa e, desde alí, rebenta varias veces o silencio.
Máis dunha vez, o primeiro berro asusta ó persoal, ós veciños. Co segundo, como xa saben de quen vén, amosan unha total indiferenza, aínda que, no fondo, compadécense un pouco del. Saben como naceu, coñecen o seu entorno familiar e tamén a súa capacidade mental: unha capacidade máis que normal, pero que el intenta minguar ou esaxerar para que o deixen en paz. Sempre foi esquivo e solitario. Mesmo semella máis amigo dos lobos ca das persoas. Talvez o sexa con toda a razón do mundo.
Xusto, agora mesmo, segue a rebentar o silencio cun berro.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 11 de maio de 2026
Foto: Igrexa de Baños de Molgas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario