lunes, 11 de mayo de 2026

MODIFICAR E MESTURAR


Modifiquei a estrutura dunha xesta centenaria coa dun piorno groso; o resultado foi un codeso con signos de esgotamento, co tronco practicamente seco. Non se poden mesturar os elementos. Despois pasa o que pasa.

Non podes mesturar ese Tarzán selvático co Jason Bourne urbano, nin o Celta co Deportivo, nin a Pitediña con Entreloríos, aínda que estean a un bico de camiño.

Modificar e mesturar é perigoso. Pode xurdir un Frankenstein, un Hyde, un Darth Vader, un Hannibal Lecter chuchando a esencia de Jodie Foster, un Joker deixando en ridículo a todo un Batman, un Norman Bates, un Terminator que, grazas ó éxito, escapou do papel de antagonista, ou un coronel Kurtz que converteu a loucura en poesía.


Modificar é cambiar o aspecto ou a forma de algo, dalgunha cousa sen alterar a súa natureza nin a súa esencia. Mesturar é xuntar varias cousas distintas formando un todo ou un conxunto desordenado, así como facer que alguén participe en algo que pode traer problemas.

Modifiquei a estrutura dunha camisa de algodón coa dun abrigo de la dos tempos da posguerra e, ó metelos na lavadora, saíume unha chaqueta de pana de cando Xesucristo cargaba coa cruz ó lombo camiño do monte Calvario; ou da crucifixión, que vén sendo o mesmo.

Mesturei noces con cebolas, desexos con nugallas, bichos con persoas, garavanzos con leitugas, toxos con sementes, dentes de allo con peles de cordeiro, e saíu unha potaxe que nin Tarzán sería quen de comer.

Modificar e mesturar é perigoso.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 8 de maio de 2026

Foto: A Pitediña (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario