Que si. Que non. As dúbidas, preñadas de incertezas. As incertezas apurando o tempo. O tempo facendo bailar os nervios. Os nervios facendo mover os pés. E os pés collendo camiño da arroutada.
Que si. E fun correndo. Atravesei carballeiras e devesas. Fervenzas cheas de silencio. Tráfico de coches que semellaba un inferno. Atravesei toxeiras. Cruceime con paporroibos. Fotografei bolboretas. E sentei ante o toxiño máis amarelo.
Alí, sentado, conversei comigo mesmo, con alguén, como se se fose acabar o mundo. Mesmo ouleei sentimentos e berrei pensamentos. Porén, os sorrisos abriron camiños por entre a espesura do bosque. Polas carrilleiras, xa libres, asomaron gargalladas tras palabras disparatadas, mesmo incompletas, pero sempre cun fondo real e futurista.
Deixei a pequena sombra do toxo e seguín correndo polo arco da vella da esperanza. Porque esta, aínda que a representan tan só de cor verde, deixa amosar as seis cores restantes para que un poida coller a da realidade, a da actualidade, a que sinala que se chegou á meta.
Esa meta á que houbo dúbidas de ir ou non ir. Esa meta pola que, en principio, o tempo non corría e, logo, batín todos os récords. Ás veces, as ansias levan a un polo aire.
Cando cheguei, todo se conxuntou: as incertezas acougaron, os nervios sosegaron, o tempo nin se detivo nin se botou a correr, os pés deixaron de bater. E todo iso pariu uns momentos de melancolía e nostalxia, de felicidade e ledicia, de quietude e silencio.
Cafetaría Titanic. Ourense. Venres, 28 de agosto de 2026
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 29 de agosto de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario