O 26 de outubro de 1881 (hai 145 anos), a pequena cidade mineira de Tombstone, no territorio de Arizona, foi escenario dun dos enfrontamentos armados máis famosos da historia dos Estados Unidos. Nunha parcela próxima ó O. K. Corral, varios representantes da lei enfrontáronse a un grupo de vaqueiros armados. O episodio, que apenas durou uns trinta segundos, acabaría converténdose nun dos grandes símbolos do Salvaxe Oeste e nunha fonte inesgotable de historias para o cinema.
Entre os protagonistas destacaban Wyatt Earp, coñecido pola súa actividade como alguacil, e o seu amigo John Henry Holliday, máis coñecido por Doc Holliday, dentista de profesión e xogador de cartas. Xunto a eles estaban Virgil e Morgan Earp, mentres que no bando contrario figuraban Billy e Ike Clanton e os irmáns Frank e Tom McLaury, entre outros. As tensión viñan de lonxe e estaban relacionadas co control do territorio, o cumprimento da lei e as rivalidades entre os grupos que operaban na rexión.
O resultado foi tráxico: Billy Clanton e os irmáns McLaury morreron no tiroteo, mentres que Virgil Earp, Morgan Earp e Doc Holliday resultaron feridos. Ike Clanton, pola súa banda, conseguiu fuxir. Aínda que o episodio foi breve, as súas consecuencias prolongáronse durante meses, con novos ataques, vinganzas e disputas que contribuíron a alimentar a fama dos irmáns Earp. Co paso do tempo, a realidade histórica mesturouse coa lenda, convertendo os protagonistas en figuras case míticas.
Hollywood atopou neste acontecemento un argumento ideal para o western. Unha das películas máis destacadas é “Paixón dos fortes” (1946), de John Ford e con Henry Fonda no papel de Wyatt Earp e Victor Mature como Doc Holliday. A obra ofrece unha visión poética e dramática da vida en Tombstone, aínda que modifica numerosos detalles históricos. Máis adiante, “Duelo de titáns” (1957), de John Sturges, foron Burt Lancaster e Kirk Douglas os que interpretaron a Earp e Holliday.
Décadas despois, outras producións recuperaron a historia con novos enfoques. “Tombstone” (1993), de George P. Cosmatos e protagonizada por Kurt Russell e Val Kilmer, destacou pola súa intensidade e pola interpretación de Holliday, mentres que “Wyatt Earp” (1994), de Lawrence Kasdan, con Kevin Costner no papel principal, apostou por unha narración máis ampla da vida do famoso alguacil.
Entre a historia documentada e a imaxinación cinematográfica, Wyatt Earp e Doc Holliday continúan representando un Oeste no que a realidade foi, en moitas ocasións, tan complexa como a propia lenda.
Finca Fierro. Barbadás. Venres, 23 de outubro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario