En 1928, o fútbol español viviu un acontecemento histórico: o acordo para crear o primeiro campionato nacional de Liga. Ata aquel momento, a competición máis importante era a Copa, na que os equipos se enfrontaban en eliminatorias. Porén, cada vez había máis interese por organizar un torneo que permitise ós clubs competir durante toda a tempada.
A idea de crear unha Liga xa se discutía desde había anos. Os equipos non conseguían poñerse de acordo sobre o seu formato. Uns defendían unha competición con poucos participantes, mentres que outros querían unha Liga máis aberta e numerosa. Estas diferenzas provocaron varios conflitos e atrasaron o nacemento do novo campionato.
Finalmente, o 23 de novembro de 1928 —cúmprense hoxe 98 anos—, a Real Federación Española de Fútbol e os clubs chegaron a un acordo definitivo. Decidiuse crear dúas categorías: Primeira División e unha Segunda con dous grupos: A e B. A Primeira estaría formada por todos os equipos que ata a data disputaran algunha final da Copa. Iso supuña un total de nove equipos: seis campións (Athlétic, Real Madrid, Real Sociedade, Barcelona, Real Unión e Areas Club de Guecho) e tres subcampións (Atlético de Madrid, Espanyol e Europa). A décima praza vacante ocupouna o Rácing de Santander tras superar unhas eliminatorias de acceso, nas que participaron o Valencia, o Deportivo da Coruña, O Celta de Vigo, o Sporting de Xixón, o Betis, o Sevilla, o Iberia e o Oviedo.
A primeira tempada comezou o 10 de febreiro de 1929, e cada equipo xogou contra os demais dúas veces: unha no seu campo e outra no campo do rival. Marcou o primeiro gol desta competición o xogador do Espanyol Pitus Prat contra o Real Unión no minuto 5.
O primeiro campión da historia foi o Barcelona, que conseguiu o título nunha competición moi igualada. O Real Madrid quedou segundo e o Athlétic, terceiro. A Liga converteuse nunha competición de gran importancia e contribuíu a aumentar a popularidade do fútbol entre a poboación de todo o territorio español.
Aquel acordo de 1928 foi o punto de partida dunha longa historia. Co paso dos anos, a Liga foi medrando e incorporando novos clubs. O fútbol converteuse nun deporte de masas, e o campionato español non tardou en acadar un gran recoñecemento internacional.
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 21 de novembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario