sábado, 16 de noviembre de 2024

A ONU SÓ SOLTA FRASES


A semana pasada falaba de que, a anterior, a efectos informativos, estivera ocupada polas consecuencias da Dana en Valencia e polo trunfo de Donald Trump. Pois nestes sete días que nos acaban de deixar seguiron ocupados, e aínda seguen, polo resultado e as desgrazas desa maldita Dana e, o que si cambiou algo (só algo, porque a personalidade de Trump é tan esperpéntica que estará todos os días nos medios de comunicación), foi que volveu con algo máis forza á palestra a exterminación humana en Gaza.


A propia ONU cualifica os métodos de Israel nese lugar de auténtico xenocidio. Se a ONU clama xa ó ceo, a pregunta é obvia: que fai o Organismo das Nacións Unidas? A ONU semella que se creou despois da Segunda Guerra Mundial para manter a paz e a seguridade internacionais, fomentar relacións de amizade entre nacións e lograr a cooperación internacional para solucionar problemas globais e servir de centro que harmonice as accións das nacións.

Hai guerras a esgalla, a amizade entre nacións é unha quimera e lograr a cooperación internacional outra quimera. Polo valor dunha palla, a amizade esgaza; por unha hectárea de fronteira, exhibición de armamento para meter xa medo; e por intereses relixiosos, económicos e políticos xa armamos a contenda. No inicio, non durará moito. Na extensión do tempo, iniciamos os trámites para intentar frear o asunto, a guerra. E cando esta xa está en pleno apoxeo, acusacións duns a outros e a mirar para outro lado. Mentres, a seguir contando o número de vítimas, entre as cales, as máximas, sempre son as máis inocentes: mulleres e nenos. A ONU contempla o xenocidio e de cando en cando solta algunha frase das súas.


A Dana, en vez de deixar debates preventivos, está deixando loitas políticas, buscándose as pulgas uns ós outros e acusándose con pequenas verdades e grandes falsidades. Mais o asunto xa vén de moi atrás, non de agora. As planificacións das localizacións ou situacións das aldeas, vilas e cidades son como son, é dicir, mirando tan só o interese económico de cada un, de cada empresa. Especulacións urbanísticas. Canalizacións de ríos. Control de barrancos. Reforestacións dos terreos. Temas que aparecen sempre tras unha catástrofe natural (ou intencionada, no caso dos incendios, principalmente), pero que co paso do tempo... segue a construírse mal e de mala maneira, segue o abandono dos ríos e segue a ineptitude das administracións que están rexidas polos políticos e, iso si, nomeados polos que agora botamos as mans á cabeza.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 16 de novembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario