Aquí, Radio Macuto, a emisora que nos ensina saber sen ver. Son as 20:20 e o ceo está escuro porque xa é noite pecha. Non hai volta de folla e nin tan sequera se ve a lúa en cuarto minguante. Normal, a pobre minguará tanto que é complicado vela na distancia.
En Radio Macuto, ás veces, tamén informamos de asuntos referentes ás linguas, ós idiomas. Por exemplo, a vicedirectora da RAE (para os non entendidos, Real Academia Española), que responde ó nome de Carme Riera, clama contra o abuso innecesario dos anglicismos. ¡Por fin! Menos mal que xa non estou só nesta reivindicación. Aínda que eu usaba máis este tema cando acirraba en Galicia Bilingüe polo ataque que lle fai ó galego, e asegurando que tanto este coma o castelán si que estaban en perigo polos anglicismos. Aí está a proba: a propia RAE xa sabe que o asunto é serio. Aínda que, quen realmente debería tomar cartas no asunto son os medios de comunicación, que é onde realmente lemos todas esas palabras inglesas que nos invaden.
Desde o estudo central de Radio Macuto, e sendo as 20:33, tamén informamos dos vira chaquetas valencianos, que nunha semana pasaron de tirarlle barro ó Rei a ser aclamado. Isto demostra unha vez máis que, o primeiro lamazal estaba máis que orquestrado.
Desde Radio Macuto tamén dicimos que, ó final, saen as contas, o que se vía desde o primeiro día: as ansias de exterminio de Benjamin Netanyahu. A Corte Penal Internacional ordena detelo por crimes de guerra. Aínda que, nestes casos, do dito ó feito vai un treito. Agora, Radio Macuto corta a emisión ás 20:44. Que teñan boa noite.
Finca Fierro. Barbadás. Domingo, 24 de novembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario