Collín o feixe dos nabos e boteino ó lombo. Pesa coma os pecados e as carolas máncanme nos ósos. Fago de tripas corazón e póñome ó camiño. A distancia deica á casa chégalle ben; quilómetro e pico co feixe pesando e mancando como as penas. Nos primeiros metros, e a pesar das aínda leves dores, ata levo ben o de asubiar “Ata que chegou a súa hora”, de Morricone.
A miña hora si que creo que está a piques de chegar. O asubío xa non se filtra polos beizos coma o principio e os pés xa non van tan lixeiros polos camiños e carreiros. O feixe de nabos semella que aumentou algunha gavela máis. Deixo ou este faime deixar que remate definitivamente o asubío para concentrarme tan só onde poño os pés. As carolas cada vez mancan máis e a canseira faise xa dona e señora das miñas ansias labregas.
Pero non quero parar, non quero pousar o feixe sobre unha parede ou sobre un valado porque, despois, veríame incapaz de mandalo logo ó lombo. Así é que sigo. Arrastro os pés. Non intento asubiar máis. Permito entón que os pensamentos asolaguen a miña mente... cunha infancia que foi, cun tempo actual que está e cun futuro que, maldita sexa, a base de feixes de nabos, vaime custar.
Porén, fago coma co feixe: non descanso. Tiro para adiante que, malo será, que a vida non saiba esquivar os atrancos, os momentos incertos e os capítulos de medo. Segundo chegarei á casa co feixe de nabos ó lombo, chegarei ó final da existencia dobregado, fundido, pero cun sorriso nos beizos. A min non me vencen catro carolas e unha canseira existencial. Chego á casa, deixo caer o feixe sobre a palla da corte e sento a coller folgos. Como a vida.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 16 de novembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario