Debe andar por aí un martelo a darme golpes na cabeza porque me doe a máis doer. Serán os malos pensamentos, será a carraxe, será o demo que levo dentro. Porén, rillo nos dentes e tiro para adiante. A min non me vence un martelo mecánico dálle que dálle. Eu, nas enfermidades, sempre digo que todo o que entra, sae. Esta dor tamén ten que saír. Que remedio! E se non quere, xa a boto eu fóra. En principio, aguantarei coma os heroes.
Todo o que entra, sae. Ou non. Ó mellor queda alí per secula seculorum. Non obstante, o detalle vai polo asunto de que se entra unha agulla, seguro que sae un fío. Se entra unha araña, sairá un elefante. Se entra un bico, máis seguro que saia un salaio. Un salaio de gozo. Se entra un cura, sae un ateo. Se entra un pecador, sae un santo sen conciencia. Se entra o silencio foi porque matou ó ruído. Claro que se entra o ruído... pobre silencio.
Ai logo!, a testán non hai quen me gane. A dor de cabeza xa noto que me colleu algo de medo. O martelo xa non golpea como golpeaba. Poida que tamén sexa eu mesmo o que me fago á idea de que non doe tanto; por aquilo de alardear un chisco, de que son heroe para calquera materia ou simplemente para quedar ben.
Si, algo diminuíu e, cando eu queira, minguará por completo. Porque así o mando e ordeno. Non me gustan as ditaduras pero, que carallo, son o ditador da miña saúde. Cando as hostes gripais ou enfermizas queren iniciar un proceso, non as deixo. En plan ditador. E non entran. E se por un aquel o fan... todo o que entra, sae.
Rooster Café. Ourense. Luns, 25 de novembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario