Imos alá coa estrea. A estrea dun novo caderno co que me agasallaron. Xa é o terceiro. Cada un tivo e ten máis de 250 páxinas, o que significa que, neles, caeron e están a caer pingas a esgalla. Que son para o que son, para iso, para as pingas de orballo. Os recunchos hebdomadarios adoito escribilos no propio ordenador.
Terceiro caderno no que, coma nos outros dous anteriores, pingará algo de todo. Desde sentimentos a pensamentos. Desde o arco da vella ó azul do mar, desde o reflexo dourado dun espello ata o confín do universo. Pingarán arroutadas e desexos, esperpentos e realidades, berros e silencios, asuntos sociais e deportivos. Os políticos quedan para os políticos, ou en tal caso, para algún que outro recuncho hebdomadario. Pingarán gotas de café pola gorxa abaixo, como pingarán conversas estrañas ou olladas claras e sorrisos abertos.
Neste terceiro caderno, como non, caerán ideas raras con frases ou parágrafos que nin eu mesmo entenderei, pero que coido que son coma esas cuñas, coma esas apostilas que quedan bonitas. Caerán nostalxias e señardades, loitas e heroicidades, medos e covardías. Caerá a noite, caerá o día. Caerá o verme luceiro da aurora e, faltaría más, a flor do toxo, o espello cóncavo. Caerá, como debe ser, Baños de Molgas e as andoriñas voando sobre a Aira de Arriba.
Terceiro caderno para as ansias de vivir, as ganas de escribir, os desexos de gozar, os silencios impoñéndose sobre o ruído, como se imporá tamén a penumbra dunha habitación sobre a noite pecha, e os soños sobre os pesadelos, e o berro sobre o silencio. Terceiro caderno para amortecer a conciencia.
Café Brétema. A Valenzá. Martes, 19 de novembro de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario